O #PLENOXULLO APROBA POR UNANIMIDADE AS TRES MOCIÓNS DO BNG
O BNG teme que neste 2024 o Goberno Local estea a repetir no IMCE as prácticas irregulares do ano pasado
Prácticas que levaron que acumulase unha débeda de 4,1 millóns de euros por facturas pendentes de cobro correspondentes ás festas de 2023 e que obrigaron a un modificativo de crédito, cuxa aprobación final se produciu no Pleno deste xoves.
Nunha pregunta oral ao concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, a nosa concelleira Mercedes Queixas expresou o temor que ten o BNG de que, como acontecera en 2023, neste 2024 tamén se estea a comprometer gasto sen ter asinado contratos e sen dispor de crédito adecuado e suficiente.
A resposta do concelleiro de Cultura é que a maioría dos concertos e festivais polos que preguntamos son de promoción privada e que o IMCE en 2024 “vivirá dos seus créditos iniciais”.
Ao respecto do primeiro, cumpre dicir que eses concertos e festivais privados xiran facturas ao Concello -moitas delas pendentes de pagamento- e a respecto do segundo, o BNG teme que os recortes nos gastos anunciados polo Goberno Local se vaian a aplicar exclusivamente ás e aos artistas locais.
“Ao tempo que o Goberno Local lles esixe ás entidades culturais da cidade recortes orzamentarios dun 60% (o que fixo inviábel actividades do San Xoán dos pequenos nos barrios como A Ruada das Xoubas), anuncia o concerto de Mikel Erentxun para o San Xoán”, referiu Queixas. “A Erentxun tamén lle aplicaron unha rebaixa no seu caché do 60%”, inquiriu.
Se as prácticas irregulares na xestión do IMCE se confirmaren tamén neste 2024, o BNG desde logo non avalará ningún novo modificativo de crédito. Así o anunciou, no curso desta mesma sesión plenaria, o noso portavoz, Francisco Jorquera.
“O BNG, no que del dependa, non vai apoiar novos modificativos que sexan froito de seguir comprometendo gasto sen que exista crédito orzamentario adecuado e suficiente”, remarcou Jorquera.
E como o BNG ten a inquietude de que as cousas non melloran no IMCE, Queixas solicitou por rexistro acceso aos expedientes de contratación de concertos e festivais anunciados para 2024 “sen que aínda recibísemos resposta”.
Jorquera advírtelle ao Executivo coruñés que o BNG non volverá a aprobar modificativos de créditos por facturas que non estean respaldadas por contratos nin fosen orzadas con créditos adecuados e suficientes
Do mesmo xeito, Queixas solicitou por escrito acceso á relación de facturas sen pagar do que levamos de ano, obtendo tamén a calada por resposta. “Que se nos está a ocultar?”.
A resposta de Gonzalo Castro non nos permitiu saír de dúbidas.
De resto, o BNG interpelou tamén o Goberno Local sobre a arbitrariedade coa que trata as irregularidades urbanísticas (“non se trata igual a todo o mundo”, dixo Avia Veira, en relación ao asunto da concesión en tempo récord dunha licenza ao portavoz do Goberno Local e á apertura de Primor a pesar de non ter cumprido cos requirimentos previos do Concello) e sobre a dedicación exclusiva do membro do Goberno Local, Juan Ignacio Borrego.
A respecto deste asunto, suscitado por Mercedes Queixas, a confirmación desa falta de dedicación tivémola na recente remodelación do Goberno Local “cando ao señor Borrego lle foi retirada a competencia sobre Emprego”.
Mocións aprobadas por unanimidade
Canto ás mocións, as tres do BNG -sobre a transferencia da AP9 libre de peaxes a Galiza (da autoría de Jorquera), a licitación inmediata do proxecto do Parque do Vixía, zona verde para o barrio de Monte Alto (asinada por Avia Veira) e a mellora do espazo urbano nos Rosais (defendida por David Soto)- foron aprobadas por unanimidade.