AVIA VEIRA REMARCA QUE IGNORAMOS O CONTIDO DO CONVENIO A ASINAR POLO CONCELLO E DA MODIFICACIÓN DO PXOM QUE TEN QUE IR A PLENO
Sobre o Plan para as Xubias: "A música soa ben, mais descoñecemos a partitura"
O BNG avalía como positivo que o proxecto se presente cos alicerces da rexeneración, a sustentabilidade e a dotación de vivenda social. “Mais o certo é que o que se anunciou onte foi un convenio urbanístico que terá que pasar polo Pleno e que terá que se basear nunha modificación puntual do PXOM. Unha modificación que estivo a exposición pública no trámite de avaliación ambiental estratéxica e que terá agora que incorporar as recomendacións das distintas institucións e administracións que o informaron”, remarca Veira.
Esa modificación ten que ir a Pleno e, nese sentido, o Goberno Local “continúa a actuar como se tivese maioría absoluta, sen contar en ningún momento co BNG”.
“Descoñecemos o contido exacto do convenio urbanístico. Descoñecemos o contido exacto da modificación do PXOM, nin sabemos que compromisos vai adquirir o Concello da Coruña, se hai compromisos económicos, etc”, acrecenta.
O BNG tampouco sabe “onde se van localizar os inmóbeis, que tipo de oferta se vai facer (se aluguer ou compra) ou quen vai promover a vivenda social”, conclúe Veira.