UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS PARA O PLENO DO 4X

O BNG teme que os recortes nas festas recaian nas e nos artistas locais

Conferencia de prensa de Mercedes Queixas sobre a política cultural no principio de mandato. 20 de setembro de 2023.
Queixas, nunha conferencia de prensa
O BNG teme que o “axuste económico” anunciado polo concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, para as festas de María Pita deste 2024 recaia fundamentalmente nas e nos artistas locais.
O BNG teme que os recortes nas festas recaian nas e nos artistas locais

Así o considera a concelleira nacionalista Mercedes Queixas, quen vai dirixir unha pregunta oral ao Executivo coruñés no Pleno deste xoves 4 de xullo. A cuestión reza así: “Tomou nota o Goberno Local das consecuencias sobre os sectores da cultura provocadas pola irregular xestión política do IMCE?”.

A este respecto, Queixas considera que “a cultura do derroche” practicada por este Goberno Local “tivo consecuencias moi negativas para as e os traballadores da cultura e tamén para as arcas do Concello”.

Nese sentido, a concelleira nacionalista lembra que o IMCE chegou a acumular facturas impagadas correspondentes a 2023 por un valor de 4,1 millóns de euros, unha débeda que finalmente se puido saldar de forma íntegra -e sen discriminar ningunha empresa nin acredor- “grazas á presión política do BNG”.

Mais agora o BNG teme que as prácticas irregulares de 2023 non cesasen. “Temos a impresión de que se están anunciando concertos sen contratos e sen a reserva de crédito correspondente. E por iso temos solicitado por escrito que se nos faciliten os contratos das actuacións que a alcaldesa anunciou en Fitur en xaneiro pasado”, di Queixas en relación, a entre outros eventos, ao Morriña e ao Recorda Fest, ás Noites do Porto, ao Coruña Sounds ou aos concertos de Vetusta Morla e Xoel López (como cabezas de cartaz do Noroeste) ou o de Mikel Erentxun para as festas de San Xoán.

“Solicitamos eses contratos e tamén as facturas pendentes de pagamento deste 2024 e continuamos sen resposta. Desde logo preguntámonos a que vén esta opacidade”, remarca.

A principal inquietude do BNG é que os recortes anunciados para as e os artistas da Coruña (a rebaixa de orzamentos para elas eles alcanzaría 60%) non se aplique na mesma medida ás e aos artistas de fóra da cidade.

“Está o Goberno Local recortando orzamento ás e aos creadores locais e mantendo a cultura do dispendio cos de fóra? Habémosllo preguntar no Pleno do próximo xoves”, conclúe Queixas.

 

 

 

 

O BNG teme que os recortes nas festas recaian nas e nos artistas locais