O BNG súmase aos actos lúdicos-reivindicativos contra a LOMCE
A Coruña, 13 de xuño de 2013.- O BNG da comarca da Coruña súmase ao acto lúdico-reivindicativo da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra a LOMCE, un acto que terá lugar ás 19h no patio do CEIP Curros Enríquez (Campo de Marte) e que contará coas actuacións de Mini e Mero, de Os tres Trebóns, de Moncho do Orzán e de Isabel Risco, entre outros.
Con música, poesía, monólogos e outras actividades, as nacionalistas amosarán o seu rexeitamento a unha lei que representa unha volta ao modelo do franquismo e a imposición dun modelo sectario e elitista. Trátase da plasmación da ideoloxía do Partido Popular no ensino: debilitalo ao máximo para ser menos público, menos democrático, menos galego, cunha menor calidade e cedelo en exclusiva ao poder da Igrexa Católica.
O BNG da Coruña non ficará impasíbel ante esta nova contrarreforma e as medidas que o PP está a impor no campo da educación que busca unicamente afogar economicamente o ensino público e rematar coa autonomía universitaria. Ademais, as nacionalistas denuncian que o PP reduce 150 millóns de euros no ensino público e transfire máis de 230 millóns ao privado concertado. Queren converter os centro de ensino e as universidades en comparsas do desmantelamento da rede pública de ensino, alertan.