O BNG denuncia a rebaixa salarial e a perda de calidade no servizo de Conserxaría do Igrexario
A Coruña, 12 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia a actuación da Concellaría de Emprego no contrato do servizo de Conserxaría no centro municipal de empresas do Igrexario da Agrela, que saíu publicado no DOG do pasado día 3 de xuño por un prezo de licitación de 26.620 euros (IVE incluído), unha contratación ao máis puro estilo neoliberal que provoca rebaixa salarial e a perda de calidade do emprego. As nacionalistas critican que sexa a propia Concellaría de Emprego, supostamente, a encargada de fomentar o emprego de calidade e a economía, quen saque esta contratación leonina.
Segundo as táboas salariais do convenio laboral que rexe a devandita contratación, que é, estrañamente, o de eventos, servizos e producións culturais de 24 de xuño de 2010, o custe laboral case suma o prezo de licitación do contrato sen IVE, que é de 22.000 euros. E isto, sinalan as nacionalistas, sen termos en conta nin a antigüidade, un quinquenio, nin os pluses de vestiario ou de transporte que recollen os pregos e nin tampouco os posíbeis incrementos derivados das baixas laborais que os traballadores poidan sufrir e que normalmente as empresas cuantifican porcentualmente nos custes laborais.
Estamos, polo tanto, ante un orzamento habilitado que non se corresponde co custe real do servizo. E para alén disto, hai que lembrar que o único que se valora na resolución desta licitación é a baixa económica. Así, o Grupo Municipal do BNG advirte de que isto vai supor, no caso de se presentar algunha empresa, o incumprimento, desde o principio, do convenio laboral, pois lle trasladará aos traballadores e traballadoras a diminución económica para salvar o beneficio industrial.
As nacionalistas amosan a súa total oposición a que o Concello externalice servizos, que por riba de seren máis caros (tan só o IVE é a quinta parte do prezo do contrato), nin sequera cumpren as condicións exixidas no propio convenio.