O BNG solicitara enviar a documentación íntegra de Vendex ao Xulgado
A Coruña, 11 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os axentes de aduanas terían evitado ir ao concello a recoller o expediente relativo a Vendex se o Goberno municipal enviase a documentación íntegra de todos os expedientes e non só unha relación de todos los expedientes e contratos. Así o reclamaba o BNG nun escrito enviado ao alcalde a día 3 de outubro de 2012 (achegámolo xunto á nota), dous días despois de que o PP rexeitara en Pleno unha moción do BNG para crear unha comisión informativa especial de investigación e inspección das concesións outorgadas ao grupo Vendex. Ademais, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, rexistrou o escrito en relación coa decisión do Goberno Municipal de enviar de oficio ao xulgado que instrúe a causa "Pokemón" só unha "relación de todos los expedientes y contratos, con su importe y sus fechas de inicio y finalización, así como todas las facturas relacionadas con el Grupo Vendex para que la jueza pueda conocer todos los datos que obran en poder del Ayuntamiento.
O portavoz nacionalista sinálalle neste escrito ao alcalde da Coruña que como ben sabe, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego tense manifestado, desde o primeiro momento en que se deu a coñecer a instrución penal deste caso, a favor de colaborar ao máximo coa xustiza, sen prexuízo de indicarlle tamén que a mesma non é para nada incompatíbel coa proposta de constituír (ao abeiro do artigo 127.1.2 do regulamento de servizos das corporacións locais) unha comisión especial de investigación e inspección das concesións outorgadas ao Grupo Vendex no Concello da Coruña que lle presentamos a través dunha moción no pleno do pasado luns (día 2 de outubro) e que decidiron non apoiar.
Exponlle ao alcalde o portavoz nacionalista que como ben sabe ?ou debera saber? este goberno municipal, a instrución penal dun asunto en nada impide a constitución na Corporación dunha Comisión Especial que teña por obxecto a investigación municipal de actos, acordos e procedementos relativos a servizos de competencia municipal, como é o caso. De modo que investigación municipal e proceso penal son perfectamente compatíbeis. Resulta sorprendente, engade o nacionalista, que o goberno municipal vaia remitir documentación das concesións para que sexa investigado polo xulgado e se negue a que a Corporación faga o propio.
O Grupo Municipal do BNG pediu que se enviara a documentación íntegra de todos os expedientes
Ademais, o portavoz do BNG, en relación ao anuncio emitido polo Goberno municipal, en que se precisa que o que se vai remitir ao xulgado é "unha relación de todos os expedientes e contratos, co seu importe e datas de comezo e finalización, así como todas as facturas relacionadas co Grupo Vendex", sinala que o Grupo Municipal do BNG considera que se envíe a documentación íntegra de todos os expedientes tramitados nos procedementos administrativos de outorgamento das concesións das que resultase adxudicataria algunha das sociedades do Grupo Vendex (pregos de condicións administrativas, informes técnicos municipais, actas de mesas de contratación, acordos de adxudicación...) especialmente da relativa aos servizos da ORA e da retirada de vehículos municipal. Tamén se debería remitir toda a contabilidade das contas das concesionaria que obren en dependencias municipais. E isto, engade o nacionalista, cfinalidade de que esa colaboración coa xustiza sexa a máxima.
Por último, e en aplicación dos principios de información e transparencia na xestión municipal, o escrito indica que toda esta documentación íntegra tamén debería darse a coñecer publicamente, razón pola que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego solicítalle que, simultaneamente á súa remisión ao Xulgado, colgue toda a documentación na propia páxina web do Concello da Coruña.