Carril aposta por unha tarifa eléctrica galega en defensa da continuidade de Alcoa

Carril aposta por unha tarifa eléctrica galega en defensa da continuidade de Alcoa

A Coruña, 10 de outubro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, asistirá esta tarde á manifestación dos traballadores de Alcoa, unha mobilización en defensa da continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo que partirá ás 17.45h da planta coruñesa. O nacionalista insiste en reclamar unha tarifa eléctrica máis baixa en Galiza como eixo fundamental para o mantemento de Alcoa e para o asentamento de novas empresas no país, ante o “deserto industrial” en que o PP está a converter a nosa comarca.

Carril critica a recente visita do ministro de Industria, que rexeitou recibir o Comité de Empresa e que renunciou a garantir o mantemento dos postos de emprego en Alcoa, “nunha procesión de caladiños, nin o alcalde da Coruña, nin o conselleiro de Industria nin o ministro foron quen de garantir a actividade industrial na planta que a empresa ten na Coruña”. Tamén advirte de que o Sr. Negreira “ten a obriga de facer cumprir o acordo da moción que aprobou, por unanimidade, a Corporación Municipal en defensa dos postos de traballo en Alcoa e non o está a facer”.

O portavoz do BNG no Concello da Coruña insiste na necesidade de que Galiza conte cunha tarifa enerxética máis baixa, ao ser un país excedentario na produción de enerxía eléctrica. “A tarifa que o BNG recolle no programa electoral é unha proposta fundamental para o mantemento de Alcoa, para o asentamento de novas empresas e para a calidade de vida das e dos galegos”, sinala.

Reunión co Comité de Empresa de Alcoa

Precisamente, mañá, xoves, o BNG, co propio Carril e coas candidatas Ana Pontón e Ana Luísa Bouza, reunirase co Comité de Empresa de Alcoa, que lle trasladará as súas demandas e suxestións.

 

 

Carril aposta por unha tarifa eléctrica galega en defensa da continuidade de Alcoa