O BNG rexeita un orzamento que prioriza as festas, o turismo, as asesorías ou o túnel da Mariña

O BNG rexeita un orzamento que prioriza as festas, o turismo, as asesorías ou o túnel da Mariña

Xose_carril_21m2[1]A Coruña, 18 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG votou en contra da aprobación inicial dos orzamentos de 2014, uns orzamentos que, tal e como advertiu o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, “renuncian a impulsar o investimento produtivo, que é o capaz de xerar riqueza e postos de traballo, e, pola contra, priorizan gastos como a contratación de asesorías e externalizacións de servizos e as transferencias para o túnel da Mariña, para as subvencións á Compañía de Tranvías e para festas, espectáculo e turismo”. “Estes orzamentos da farándula e da troula non son os orzamentos da Coruña, nin do pobo coruñés, son os orzamentos do Partido Popular, que se negou a que as contas municipais fosen participantes e participadas”, salientou.

Carril comezou a súa intervención afirmando que o Concello “ingresará máis cartos como consecuencia dunha maior recadación fiscal, o que evidencia que non se produce esa famosa conxelación de impostos dos tres anos de Goberno do PP.” “E estes maiores ingresos evidencian, tamén, que o recibo da auga se encareceu no 2013, tendo en conta que Emalcsa lle vai transferir ao Concello un total de 2,5 millóns de euros máis que o ano pasado, até acadar os 6,52 millóns de euros, en concepto de repartición de beneficios de Emalcsa”. Porén, advertiu de que, malia este incremento de ingresos, o PP “renuncia a inxectarlles cartos aos investimentos produtivos, que son os que crean riqueza e postos de traballo”. E isto, sinalou, a pesar do contexto socioeconómico actual, “nos últimos tres meses foron destruídos na nosa cidade perto de 8.000 postos de traballo e neste último mes máis de 300 persoas pasaron a engrosar as lista do desemprego”.

O PP aumenta os gastos en asesorías e externalizacións e en transferencias de capital para o túnel da Mariña, Compañía de Tranvías e festas e turismo, mentres fai caer o investimento real

Carril expuxo que, en lugar de investir os maiores ingresos en creación de postos de traballo e en creación de riqueza, o PP prefire aumentar os gastos improdutivos. Así, sinalou que en contratación de asesorías e externalizacións de servizos as partidas soben en 1,32 millóns respecto dos orzamentos de 2013. Tamén aumentan, apuntou, os gastos en transferencias de capital para o túnel da Mariña (4 millóns de euros) e os gastos en transferencias correntes para as subvencións á Compañía de Tranvías (7,5 millóns de euros) e para festas, espectáculo e turismo (9,5 millóns de euros en total). Ademais, indicou que soben os gastos derivados dos empréstitos bancarios formalizados polo PP (14,6 millóns) cos que, entre outras cuestións, se financiaron e se pretenden financiar caprichos do PP, como o túnel do Parrote (3 millóns nos orzamentos de 2013) e o túnel da Mariña (4 millóns nos orzamentos de 2014).

E mentres estes gastos soben, o gasto en investimento real, o investimento produtivo, o único capaz de crear postos de traballo e riqueza, cae estrepitosamente. Carril puxo de manifesto que descende o investimento real nos orzamentos de 2014 a 29,81 millóns de euros, que só representan o 12,20% dos créditos totais consignados. Lembrou o portavoz do BNG que os orzamentos de 2013 recollían para este fin 32,50 millóns e supoñían un 13,65% sobre os créditos totais. Polo tanto, subliñou, o Goberno do PP diminúe os investimentos reais un 8,27% respecto dos orzamentos de 2013.

O PP gasta máis en festas e turismo en detrimento de servizos sociais e das políticas activas de emprego

A continuación, Carril tirou das comparativas en partidas específicas de servizos sociais e de emprego para demostrar “as prioridades da dereita que nos goberna”, que son turismo e espectáculos en detrimento dos servizos sociais e de políticas activas de emprego. Así, o portavoz do BNG advertiu de que “cun orzamento xeral que sobe o 2,65% respecto do 2013, vemos como aumentan as partidas de turismo nun 29,58% e do IMCE nun 7,84%. Dos 600.000 euros que medra o orzamento de cultura, 400.000 son para festas.

“Estas partidas medran moito máis que o orzamento de servizos sociais, que só aumenta un 1,6%”. Aumenta, apuntou, pero pouco e con matizacións, porque “o aumento de 253.000 euros en servizos sociais fica anulado e con saldo negativo por un convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (Xunta de Galiza) en virtude do cal o Concello da Coruña paga 315.864 euros para compartir o custe de dous centros de día de xestión privada da cidade”. E a isto, sinalou, hai que engadirlle a conxelación da partida de emerxencia social (repítense os 660.000 euros), a supresión das axudas as actividades exteriores das ONGs e os cambios en materia de erradicación de chabolismo.

Máis da metade dos orzamentos da Concellaría de Emprego van destinados a turismo

Tamén aludiu ás contas da Concellaría de Emprego e Turismo, área en que se pode comprobar como “máis da metade do orzamento vai destinado a turismo”. Así, de 8.587.589,17 euros, un total de 4.535.727,85 euros van destinados ao Consorcio de Turismo, apuntou. Nesta liña, Carril salientou que os cartos destinados a novas partidas só representan o 1,63% do orzamento, que son para un convenio coa UdC de 140.000 euros e para cursos de formación para o emprego na area de comercio, que ascende a un total de 1 mísero euro.

Este escaso esforzo, sinalou o portavoz do BNG, contrasta moito coas famosas partidas para «outros traballos realizados por outras empresas» e para «Estudos e traballos técnicos», “é dicir, contratación de asesorías externas”. E a todo isto, hai que engadir os 250.000 euros que volven destinarse para as obras de reposición do mercado de Santo Agostiño, que era unha partida xa prevista para o 2013, pero que foi suprimida no modificativo de crédito no mes de xullo, expuxo Carril.

Os orzamentos son do PP, non do pobo da Coruña

Por último, Carril afirmou que “estes orzamentos da farándula e da troula deste goberno dereitoso xustifican, en primeiro lugar, que o Goberno do Partido Popular ocultara os orzamentos até o último momento, porque, a pesar de seren aprobados en Xunta de Goberno Local dun sábado, os Grupos da Corporación Municipal (agás o PP) non puideron ter acceso ás contas até o luns seguinte ás 14.30 horas”. Engadiu o portavoz nacionalista que os orzamentos “tamén xustifican que Goberno do Sr. Negreira non publicara na páxina web do Concello os orzamentos municipais, a diferenza do que acontece no caso dos orzamentos galegos e dos orzamentos xerais do Estado”. Advertiu Carril de que na web do Concello só hai colgado un vídeo de menos de dous minutos de duración.

Carril concluíu a súa intervención advertindo de que estes orzamentos “non son nin participativos nin participados polas veciñas e os veciños, porque nin sequera foron previamente consultados para a súa elaboración polo Goberno Local”. “Son só os orzamentos do PP, máis non os orzamentos da cidade da Coruña, nin tampouco os orzamentos do pobo coruñés”, finalizou.

 

O BNG rexeita un orzamento que prioriza as festas, o turismo, as asesorías ou o túnel da Mariña