O BNG revela que 2 das 5 traballadoras sociais da axuda a domicilio son do Concello de Arteixo
A Coruña, 22 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo advirte de que o Goberno municipal non pode mirar cara outro lado e dicir que o servizo de axuda a domicilio se presta con normalidade cando 2 das 5 traballadoras sociais que realizan labores de coordinación no servizo de axuda a domicilio son empregadas do Concello de Arteixo, onde INGESAN tamén é a adxudicataria da axuda a domicilio, e non do Concello da Coruña.
Ademais, sinala que non se pode falar de normalidade cando a día de hoxe hai unha cama ortopédica na casa dunha persoa usuaria que xa faleceu e que non pode empregarse por non dispoñer a adxudicataria dun coche, cando INGESAN recollera no seu proxecto técnico un coche a disposición do servizo con dedicación exclusiva ao contrato. Tampouco cumpre a adxudicataria coas reunións semanais recollidas no proxecto técnico nin ten a aplicación móbil-GPS prometida.
Tampouco se pode falar de normalidade, advirte María Xosé Bravo, cando a adxudicataria deste servizo, que lle cobra ao ano ao Concello da Coruña 1,5 millóns de euros, despediu 5 coordinadoras a 18 días de resultar gañadora do concurso e despediu en xullo e agosto outras dúas traballadoras sociais que tiñan contratos temporais, cando en base á oferta técnica presentada pola empresa é unha obriga a realizar contratos indefinidos.
Á vista destas cuestións, a concelleira do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira ou ben se deixa enganar ou é cómplice desta empresa vinculada a Villar Mir, nome que apareceu nos papeis de Bárcenas. Por iso, esíxelle ao Goberno municipal que cumpra coas súas obrigas e impoña as sancións pertinentes pero, sobre todo, que adopte unha solución tendo en conta que esta adxudicataria desenvolve un traballo con persoas dependentes ou con moitas dificultades.