O BNG levará ao Parlamento de Galiza o innecesario trasvase entre Cecebre e Meirama
A Coruña, 22 de agosto de 2013.- O BNG levará ao Parlamento de Galiza o trasvase innecesario do lago artificial de Meirama a Cecebre, un trasvase cuxo túnel ascenderá a 10 millóns de euros e que ten como obxectivo principal facer rendíbel a minicentral propiedade dunha empresa, Minicentrales Eléctricas de Galicia, na que ten intereses a concelleira de Cultura do Concello da Coruña. Mesmo o Plan Seca (http://augasdegalicia.xunta.es/gl/1.1.htm) elaborado pola Xunta de Galiza (xúntase no corpo da noticia) recolle que o abastecemento de auga na cidade e na comarca é suficiente. De feito, o encoro de Cecebre nunca chegou ao nivel de emerxencia.
A minicentral segue adiante despois de que a Xunta lle dera luz verde á autorización medio ambiental
Malia as repetidas denuncias evidenciadas polo BNG, a minicentral que xustifica a construción deste túnel de 10 millóns de euros foi negada até a saciedade polo Partido Popular alá onde goberna, onte mesmo, en Cambre. Porén, os enganos do PP fican en evidencia logo de que a Xunta de Galiza emitira a 27.05.2013 unha resolución (achégase xunto á nota), asinada pola Consellaría de Medio Ambiente, na que lle dá luz verde á avaliación ambiental do proxecto de Mincentrales Eléctricas de Galicia para o aproveitamento hidroeléctrico da presa de Cecebre. Ademais, non consta actualmente que a empresa desestimase a solicitude de autorización da minicentral nin que Augas de Galiza declarase a caducidade da concesión.
As mentiras do PP ao redor desta minicentral nas que ten intereses económicos a concelleira de Cultura da Coruña levaron o Goberno de Carlos Negreira, no Pleno ordinario de setembro do ano pasado, a acusar o BNG de sembrar cizaña, de hacer ciencia ficción e de embarrar el terreno de juego coa minicentral de Cecebre. Curiosamente, só un mes despois de negar a minicentral, a empresa Minicentrales Elétricas de Galicia solicitáballe á Consellaría de Medio Ambiente instalar as liñas de media tensión que conectarán a minicentral co tendido eléctrico de Fenosa.
O BNG impedirá a morte do río Mero
O BNG fará todo o que estea da súa man para impedir a morte do río Mero. E é que a minicentral e mais o túnel que unirá o lago artificial co encoro afectan a un espazo protexido e a especies catalogadas e, segundo puideron saber as nacionalistas, provocarán o incumprimento do rexime de caudais mínimos e impedirán o ascenso e descenso de peixes como o salmón atlántico, do reo, da lamprea mariña e da anguía. Ademais, a minicentral turbinaría os caudais que se deixan liberar río abaixo e que deberían destinarse a contruír un paso para peixes polo que debería discorrer a auga necesaria.