O BNG reúnese coa Coordinadora de ONGD para tratar os recortes do PP en cooperación internacional
A Coruña, 18 de decembro de 2013.- As concelleiras nacionalistas María Xosé Bravo e Avia Veira reuníronse con representantes da Coordinadora Galega de ONGD para falar, entre outras cuestións, sobre a decisión do Goberno do Sr. Negreira de suprimir a partida de subvencións destinadas ás actividades no exterior das ONGD nos orzamentos de 2014. As nacionalistas informaron as persoas membros da Coordinadora de que o Goberno do PP botou abaixo todas as reclamacións do BNG aos orzamentos municipais de 2014, entre as que se atopaba, precisamente, a restitución da partida orzamentaria destinada á cooperación internacional.
Segundo lle transmitiu o Goberno municipal á Coordinadora, o PP suprimiu esta partida escudándose na reforma da lei da Administración Local, que non lles permitirá ao Concello este tipo de investimentos. As concelleiras do BNG criticaron o que denominaron unha supresión preventiva do PP e cualificaron de intolerábel que, cun orzamento que medra cada ano, o Goberno municipal non dedique nada á cooperación internacional. Na mesma liña, as nacionalistas acusaron o PP de romper co histórico desta cidade no que respecta ao compromiso cos países do sur.
O BNG puxo de manifesto que o Goberno municipal do PP xa reducira esta partida dos 140.000 euros dos orzamentos de 2012 aos 90.000 euros dos orzamentos de 2013. As nacionalistas transmitíronlle á Coordinadora que os 90.000 euros recollidos nos orzamentos vixentes beneficiaron un total de 17 entidades que traballan no ámbito da cooperación internacional.
María Xosé Bravo e Avia Veira denunciaron que nos atopamos ante un goberno insolidario e desacomplexado ao que non lle treme a man ao erradicar os fondos dedicados á axuda aos pobos e poboacións dos países desfavorecidos.