O BNG acusa o PP de impor o informe devaluado que rexeita solicitar cartos para a limpeza da ría
A Coruña, 16 de decembro de 2013.- O BNG critica que, finalmente, o Partido Popular acabara por impoñer na Eurocámara un informe devaluado sobre as rías, un documento máis preocupado por suprimir as referencias críticas a xestión do Goberno central e da Xunta que por achegar solucións concretas para acadar o saneamento da ría do Burgo. O informe, aprobado por 20 votos a favor e 7 en contra, contou co apoio do PP e do PSOE e co voto en contra do Bloque Nacionalista Galego, a través do Grupo Verdes/ALE. Tamén amosaron a súa total discrepancia dúas dos tres membros oficiais encargados de redactar o informe, a liberal Angelica Werthmann e a eurodeputada do Grupo Verdes/ALE Tatajana Zdanoka, que presentaron unha opinión de disenso e solicitaron a retirada do seu nome do informe, algo completamente inusual neste tipo de informes.
Non podíamos apoiar un informe que se foi descafeinando ao longo destes meses de tramitación na Eurocámara por imposición do PP e coa complacencia final do PSOE, que rexeitaron a práctica totalidade das 41 emendas presentadas polo BNG, incluída a que solicitaba fondos finalistas para sufragar as infraestruturas pendentes e necesarias para completar o saneamento integral das rías galegas, incluída a ría do Burgo, sinala a secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda.
Ana Miranda, que formou parte da delegación oficial de investigación como eurodeputada, cualificou o informe final de farsa que non cumpre as expectativas dos peticionarios, da Plataforma en Defensa da ría do Burgo e de miles de galegos e galegas que levan anos loitando para que o saneamento integral das rías sexa unha realidade. O obxectivo das emendas do Bloque, lembra Ana Miranda, era acadar un informe que servise para achegar propostas co fin de resolver un problema que lastra o desenvolvemento do noso litoral, tras anos de incumprimento do Goberno central e da Xunta da normativa comunitaria en materia de calidade de augas.
O informe inclúe a emenda do BNG para retirar os lodos da ría do Burgo mais non inclúe a petición para que o Estado destinase fondos europeos para o seu saneamento
Si se aprobou, apunta Ana Miranda, a emenda 72 do BNG, na que se insta ás Adminitracións públicas a proceder a retirada dos lodos da ría do Burgo. Porén, o Bloque propoñía que o texto final incluíse unha petición expresa ao Estado español para que usase os fondos europeos que recibirá con cargo ao paquete financeiro 2014-2020 a garantir o financiamento das infraestruturas necesarias para completar o saneamento integral das rías. Tratábase dunha recomendación imprescindíbel, argumenta Miranda, tendo en conta que no orzament estatal de 2014, ao igual que no da Xunta de Galiza, non hai prevista ningunha partida para a ría do Burgo, pese a ser das máis afectadas.
As emendas presentadas polo BNG a través do Grupo Verdes/ALE, tamén demandaban un programa específico para completar a limpeza do noso litoral co correspondente apoio orzamentario. E un recoñecemento expreso ao traballo realizado polos colectivos sociais, como a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, confrarías e persoas a título individual que levan anos loitando, moitas veces sen ningún apoio das Administracións, alega. Igualmente, o Bloque consideraba prioritario nas súas recomendacións que o Estado español levase a cabo as medidas necesarias para recuperar a actividade extractiva.
En definitiva, subliña Miranda, o BNG pretendía que da Eurocámara saíse un informe que achegase solucións, que respondese ás demandas dos peticionarios e da sociedade galega de acadar o saneamento integral das nosas rías e non foi así.