O BNG reivindica a promoción da obra de Rosalía con motivo do 24 de febreiro
A Coruña, 23 de febreiro de 2015- Mañá, 24 de febreiro de 2015, cúmprense 178 anos do nacemento de Rosalía de Castro, motivo polo cal o BNG reivindica a promoción das actividades sobre a escritora e a súa obra. Para isto, o Grupo Municipal do BNG levou a pleno unha moción, tombada polo Partido Popular, que chamaba o Concello da Coruña a emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra de Rosalía que implicasen a veciñanza ao longo do mes de febreiro. Dado o rexeitamento do Partido Popular á moción, que implica que o Concello non realice ningunha actividade, as nacionalistas sumaranse mañá á lectura pública da obra de Rosalía convocada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) ás 19h no Ágora.
O BNG considera fundamental difundirmos a obra e o pensamento da escritora, pois teñen unha forte vixencia e poden coadxuvar a recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego. Lembran ao respecto que Rosalía era unha muller radical, culta, feminista e comprometida co noso país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza, entre os que se conta o galego, hoxe especialmente ameazado.
Bandeiras penduradas dos balcóns e versos de Rosalía nas redes sociais
Para conmemorar o día do nacemento de Rosalía, o BNG convida a veciñanza a pendurar das fiestras bandeiras da patria, así como versos da escritora. Tamén emprazan as persoas usuarias das redes sociais a difundir a obra de Rosalía co uso do hastag #EuSonRosalía.
Por último, o BNG lembra que a escritora galega morou na Coruña entre 1870 e 1875. Despois de que Murguía fose nomeado director do Arquivo Xeral do Reino, a familia instalouse no número 3 da rúa do Príncipe, naquela altura chamada de Padilla. Precisamente foi aquí onde veu ao mundo a súa quinta filla, Amara.