O BNG reivindica o edificio do cárcere como un espazo aberto para o pobo
A Coruña, 10 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo deu esta mañá unha rolda de prensa para reivindicar o edificio do antigo cárcere provincial como un espazo aberto para o pobo. De aí que emprazara o alcalde a explicar cal e o proxecto que contempla para o cárcere e cales son os usos que prevé darlles. Lembrou Bravo que a finais de 2011 formulara en Pleno unha pregunta oral sobre os usos da antiga prisión que o PP eludiu responder, ao igual que fixo coas preguntas escritas formuladas pola nacionalista tanto no 2012 como hai escasos días.
O BNG defendeu sempre, tanto na etapa de goberno como na oposición, que o cárcere debe abrirse á cidadanía e ao barrio en que se atopa e defendeu sempre que este edificio ten espazo para acoller servizos socioculturais, para a mocidade e mesmo para un centro de interpretación, tendo en conta a represión e a que se sufriu nesta prisión e a memoria histórica, sinalou. Tamén apelou á sustentabilidade, a aproveitar os equipamentos e recursos do edificio.
María Xosé Bravo puxo de manifesto que desde o BNG consideramos fundamental que o Goberno do Sr. Negreira teña en conta as persoas que máis traballaron ao redor do cárcere: tanto a Proxecto Cárcere como a Asociación Veciñal das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules. De aí que lle esixira ao alcalde diálogo con estes dous colectivos. Na mesma liña, apostou por fórmulas participativas que lle concedan o protagonismo e a capacidade de decidir aos axentes culturais, veciñais, sociais e educativos.
A concelleira nacionalista lembrou que foi o BNG quen abriu o edificio do cárcere á cidadanía en xuño de 2010, cando se organizou a primeira edición do S8, así como en novembro de 2010, cando tivo lugar o I Encontro sobre novos modelos participativos de xestión cultural. Deste encontro saíron unha conclusións que facemos nosas e que apelan ao diálogo e a ter en conta a cidadanía, apuntou. Así, a concelleira do BNG insistiu en emprazar o alcalde a explorar e a estabelecer novos modelos de participación cidadá.
O Concello da Coruña non ten que pagarlle nada ao Estado e ten que ser o Estado quen financie as obras de reparación
Pola outra banda, María Xosé Bravo puxo de manifesto que o Concello da Coruña non ten que pagarlle nada ao Estado. Lembrou a postura do BNG respecto do convenio asinado entre Paco Vázquez e Institucións Penitenciarias, de 2005, polo cal o Concello debería de aboarlle ao Estado os case 1,127 millóns de euros para compensar a diferenza de valor dos terreos permutados. O BNG sinalaba, como agora, que non había nada que regalarlle nin que pagarlle ao Goberno central. Por iso, as nacionalistas presentaran un voto particular en contra da ratificación en Pleno deste convenio.
A concelleira nacionalista advertiu de que o Concello da Coruña non ten que pagar as obras de rehabilitación do edificio do cárcere. É o Estado español o que ten a obriga de evitar o deterioro do edificio e de mantelo en óptimas condicións, salientou, o Goberno central ten o deber de asumir as consecuencias derivadas do seu incumprimento e desleixo, que levaron a que o inmoble presente unha imaxe de abandono total, engadiu. Expuxo María Xosé Bravo que, só amañar o tellado, custaría un millón de euros.
Neste contexto, a edila do BNG reclamoulle ao alcalde que, no novo convenio, incorpore unha cláusula específica que obrigue a que o financiamento das obras de reparación sexan asumidas polo Estado. O Estado ten que devolvernos o cárcere en perfectas condicións e non no estado de ruína en que se atopa, indicou. Por iso, advertiu de que a intención do Sr. Negreira de que sexa o Concello quen pague as obras de rehabilitación suporía unha dupla perda económica para o Concello e un gran beneficio para o Estado español por conta da nosa cidade, pois o Estado non só foi agasallado cunha parcela municipal, onde está hoxe en día o Centro de Inserción Social, valorada en 2.200.000 euros no convenio de 2005, senón que aforraría os custes de reparación do cárcere.