O BNG reclamará en Pleno a paralización dos desafiuzamentos na cidade da Coruña
A Coruña, 28 de novembro de 2012.- A nacionalista Avia Veira, que tomará posesión como concelleira no Pleno ordinario que terá lugar, previsibelmente, este luns, presentou esta mañá en rolda de prensa a moción a través da que o BNG propón solucións para acabar co drama dos desafiuzamentos na nosa cidade. Trátase dunha iniciativa avalada por Stop Desahucios e por Arquitectos sen Fronteiras e complementa unha batería de propostas que xa rexistradas polo BNG no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados. "A banca, que recibiu miles de millóns de axudas públicas, ten que responsabilizarse desta vaga de desafiuzamentos salvaxes", sinalou. "Ou se fai cargo o culpábel ou a vítima, e nós, desde o BNG, defendemos que é o culpábel o que se ten que facer cargo", engadiu.
Veira puxo de manifesto que "non nos vale o novo decreto do goberno e o diálogo de PP e PSOE, porque é unha auténtica burla macabra que non resolve nada". A este respecto, sinalou que o PSOE "foi responsábel tamén no seu momento de non adoptar ningunha medida". Lembrou que o BNG leva presentando desde o ano 2010 iniciativas no Congreso para que se resolvan os problemas das familias con dificultades para pagar as súas hipotecas, iniciativas que foron rexeitadas polo PP e PSOE. "Se se tivesen tomado as medidas necesarias que propuxemos, este drama evitaríase", apuntou.
"Os poderes públicos teñen que defender o dereito a unha vivenda", afirmou. "Se hai milleiros de casas baleiras e milleiros de familias sen casa, hai que ofrecerlles unha solución", expuxo Veira, quen informou de que na Coruña hai máis de 23.000 vivendas baleiras e que só no partido xudicial da Coruña hai 3 desafiuzamentos ao día, segundo os datos de Stop Desahucios. Entre xaneiro e xuño deste ano, a xustiza autorizou no noso país o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e iniciáronse máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado.
"Non valen panos quentes, por iso o BNG propón medidas contundentes"
Veira afirmou que "de nada valen lamentos e panos quentes a un problema que exixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes, por iso propoñemos medidas contundentes". Así, o BNG recolle na moción a modificación da Lei Hipotecaria, que teña carácter retroactivo, e da Lei de Enxuiciamento Civil.
Entre outras medidas, o BNG pide contemplar a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda habitual, garantindo o aluguer social da vivenda, máxime cando haxa menores ou persoas dependentes. Tamén esixe o BNG estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais, contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas alleas a súa vontade como a perda de emprego ou o peche dun negocio.
Ademais, os nacionalistas propoñen a posibilidad de poder converter a hipoteca nun aluguer, estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións, modificar o réxime de taxación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acredor, actualmente no 60 por cento do valor de taxación.
"O Concello debe deixar de traballar con entidades que executan os desafiuzamentos"
Tamén recolle a moción habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e as familias que se atopan en situacións económicas extremas, así como crear unha Oficina de Asesoramento para Familias amenazadas polos desafiuzamentos e unha Bolsa de Vivenda Social, exixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.
No que respecta ao eido municipal, o BNG propón crear unha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por técnicos municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Esta comisión estudaría a posibilidade de axudas ao aluguer e de axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación. Ademais, os nacionalistas queren que se lles esixa ás entidades bancarias a paralización dos desafiuzamentos que estean en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento. E, no suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello proceder, na medida que sexa posíbel e non prexudique aos veciños e veciñas, a prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.
O Sr. Negreira non fixo nada para cumprir o acordo da moción aprobada por unanimidade para a dación en pago
Por último, Avia Veira denunciou que o Goberno municipal non fixo nada para cumprir o acordo da moción, aprobada por unanimidade, a instancias do BNG, no Pleno ordinario de outubro de 2011 para a dación en pago e para unha moratoria no pagamento.