O BNG quere saber por que non son confiadas asistencias técnicas a persoal do Concello
A Coruña, 11 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar por rexistro unha iniciativa na que demanda do Goberno municipal explicacións a respecto da contratación dunha empresa para a asistencia técnica para unha avaliación de ofertas para unha obra.
O Grupo Municipal do BNG preguntará no próximo Pleno a que se debe a adxudicación dun contrato menor para a avaliación de ofertas para as obras da cuberta do CEIP María Barbeito
As nacionalistas tiveron acceso a unha resolución pola cal se establece un contrato menor para a Asistencia técnica para a avaliación de ofertas técnicas asociadas á licitación das obras de substitución da cuberta do CEIP María Barbeito.
O BNG inquírelle ao Goberno municipal en que basea o contratar a unha empresa para realizar unha asistencia técnica
Deste xeito, o Bloque puido comprobar como mediante unha resolución, de data 16/02/2016, e co núm. RES/AYT/930/2016, adxudícase un contrato co importe de 2.087,25 euros, baixo supervisión técnica do Xefe de Servizo de Edificación e a aplicación orzamentaria 30.920.227.06, á empresa EPTISA SERVICIOS DE INGENIERÍA SL, e especificando que o obxecto do contrato consiste na prestación de asistencia técnica e asesoramento para a elaboración do informe técnico de valoración das proposicións técnicas presentadas na fase de licitación das Obras de substitución da cuberta do CEIP María Barbeito (O-10/2015). Posteriormente coa avaliación e análise efectuado mediante o servizo da asistencia técnica que se contrata, redactarase o informe de valoración subscrito polo técnico municipal, que se presentará á mesa de contratación.
Avia Veira: Queremos saber se o Goberno municipal entende que non existen persoas capacitadas dentro do cadro de persoal do Concello para poder facer avaliacións do carácter similar ao que se contrata
O Grupo Municipal do BNG quere saber como xustifica o Goberno municipal a externalización desta asistencia técnica e se considera que este labor non o pode realizar o persoal municipal que existe hoxe e está cualificado para facelo.