O BNG esixe executar o acordo pola cesión para uso público de espazos no corredor de Novo Mesoiro
A Coruña, 10 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG recoñécese sorprendido tras a contestación do Goberno municipal a respecto de varias preguntas relativas á colocación dun sebe (coa función de establecer unha separación física entre a circulación viaria e os peóns) na nova zona habilitada no corredor de Fragas do Eume.
O Grupo Municipal do BNG recoñécese sorprendido tras a contestación do Goberno municipal a respecto de varias preguntas relativas á colocación dun sebe en Novo Mesoiro
As nacionalistas lembran que o acondicionamento do corredor entre as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra é unha demanda de vello da veciñanza da zona desde o remate do proceso de urbanización no barrio de Novo Mesoiro.
Deste xeito, indica o Bloque, no anterior mandato, a entidade veciñal do barrio, xunto coas as administradoras de fincas e as comunidades de propietarios afectadas, conseguiron do Goberno municipal comezar o proceso de urbanización e acondicionamento deste corredor, que incluía a cesión para uso público de varias parcelas repartidas entre máis de 36 comunidades de propietarios, entre estas, a parcela B6 correspondente á comunidade de propietarios do edificio da rúa Fragas do Eume 16-18-20.
En resposta a varias preguntas realizadas polo Bloque, o Executivo local recoñece que non trasladou un rogo no que se solicitaba facer cumprir o acordo 7º do convenio onde se establecía a cesión de uso público dunha parcela de 941 m2
A respecto desta parcela concreta, dadas as especiais características para o acceso á entrada ao seu garaxe, a comunidade de propietarios accedeu á súa cesión para uso público condicionando o acordo a que se contemple no Documento de Cesión, o crear unha separación física que dea seguridade entre a vía de paso de entrada ao garaxe do inmóbel e a parte na que se pretende realizar para paseo na zona libre de edificación, tal e como se recolle na acta da reunión celebrada o 23 de maio de 2013, sinalan as nacionalistas.
Consecuentemente, e toda vez que o proxecto de urbanización foi aprobado, o convenio asinado o 24 de setembro de 2014 polo Goberno municipal e a representación da veciñanza (preme para ver o convenio de cesión) recolleu no seu acordo 7º que O Concello comprométese a executar, ao tempo das obras descritas no anterior apartado segundo (o acondicionamento do espazo), unha separación física entre a vía de acceso aos garaxes dos edificios 16-18-20 da rúa Fragas do Eume e a superficie destinada ao uso público espazo libre que se cede de forma tal que quede garantida a seguridade de acceso.
É por iso que o BNG, recollendo as advertencias da veciñanza da contorna que observaba no momento da execución das obras que a separación física non se estaba realizando, presentou en setembro de 2015 un rogo para que se atenderan as demandas da veciñanza e se fixera cumprir o acordo do convenio de cesión, suxerindo a colocación dun sebe de tuias ou buxos, tentando dar encaixe ao conxunto axardinado. Asemade, a propia veciñanza, tamén a finais do mesmo mes de setembro de 2015, presentaba por rexistro un escrito dirixido a Infraestruturas advertindo que quedaba pendente o asunto da separación física entre o paseo e unha zona de dá acceso ao garaxe...
O Executivo local incumpre o acordo polo cal unha Comunidade de Propietarios de Fragas do Eume cedía unha parcela para uso público
Rematadas as obras, o Grupo Municipal do BNG desprazouse até o corredor e observou que o rogo presentado non fora atendido polo que en febreiro presentou varias preguntas dirixidas ao Goberno municipal no que se lle requiría sobre se dera traslado do rogo á empresa que realizou as obras de acondicionamento do corredor, se non llo dera, que explicara as causa de por que non o fixo, e se o Goberno municipal lle fixera traslado da súa solicitude á empresa que realizou as obras por que non se realizou a actuación solicitada e se o Goberno municipal demandaría explicacións á empresa.
Mais a sorpresa é maiúscula cando agora recibimos a contestación do Executivo local na que se indica que non se deu traslado do rogo e se argumenta que aínda que os espazos están na mesma cota existe un «bordo» que delimita as zonas, considerándose suficiente, e ao igual que noutras «moitas zonas similares na cidade», sinala Avia Veira.
O BNG pregúntase por que se desatendeu a solicitude da veciñanza da zona e que ademais estaba incluído como acordo no documento de cesión para uso público para o acondicionamento do corredor entre as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra e esixe que se realice a obra a maior brevidade posíbel
Para o Grupo Municipal do BNG, con esta contestación estase a admitir o incumprimento do acordo número 7 do convenio de cesión da comunidade, polo que esixe do Goberno municipal que rectifique de inmediato e que se realice a obra para colocación dun espazo físico que separe ambas zonas (a de circulación e a de lecer para peóns) a maior brevidade posíbel, dando cumprimento ao convenio e saída as demandas da veciñanza.
O Executivo local non é consciente de que se está a poñer en risco a seguridade viaria das e dos peóns que empreguen a nova zona de lecer ao carón da vía de acceso ao garaxe, ao tempo de desatender intencionadamente unha demanda aprobada por unanimidade pola comunidade de propietarios do edificio da rúa Fragas do Eume 16-18-20, conclúe Avia Veira.
Documentos:
- Rogo escrito presentado en setembro
- Preguntas para a súa resposta por escrito presentadas en febreiro
- Resposta do Goberno municipal
Noticias relacionadas: