A ALCALDESA FÁLTALLE O RESPECTO AO PADROADO AO ANUNCIAR NOVO CONCURSO ANTES DE O MÁXIMO ÓRGANO DA FLS SE REUNIR
O BNG, que advertira sobre as irregularidades do proceso de escolla da dirección da Luís Seoane, vota a prol dun novo concurso
A xuntanza tivo lugar no salón azul do Pazo de María Pita.
O BNG advertira sobre as irregularidades do proceso de escolla da dirección da fundación que desembocou na renuncia da persoa á que se lle adxudicara a praza. Irregularidades como a falta dun prazo para formular reclamacións nas bases do concurso ou a publicación dos resultados na web sen que aparecesen as puntuacións relativas ao “plan de actuación e entrevista” e á “proba de coñecemento”.
“Lamentamos que a alcaldesa lle faltase o respecto ao Padroado ao anunciar, hai uns días, a convocatoria dun novo concurso cando o máximo órgano da Fundación aínda non se reunira e nin sequera ratificara a decisión adoptada pola Comisión de Valoración a favor da persoa que finalmente acabou renunciando”, afirma Queixas.
Tampouco é de recibo que a alcaldesa, presidenta do Padroado, non estivese presente na reunión de hoxe. A escusa da súa viaxe a Nova Iorque non se ten de pé: é evidente que se podía ter axendado a xuntanza para outro día, o que garantiría a súa presenza.
O BNG reitera as críticas pola falta de transparencia do procedemento -aínda non se nos facilitou o acceso ao expediente do concurso- “e tampouco obtivemos resposta á nosa pregunta sobre o fundamento xurídico da anulación desta convocatoria, trámite previo á abertura dun novo concurso”.