PARTE DUNHA PREMISA BÁSICA: QUE OS VTC NON PODAN FACER VIAXES CON SAÍDA E DESTINO NO NOSO TERMO MUNICIPAL
O BNG propón unha ordenanza para regular os VTC e en defensa do sector do taxi
Que os VTC non podan facer viaxes con saída e destino no noso termo municipal, clave da proposta do BNG.
O BNG acaba de rexistrar unha proposta de ordenanza para regular a actuación dos VTC na Coruña.
A iniciativa vai dirixida á Alcaldía para ser tida en conta, pois é o Goberno Local quen ten a potestade de promover ordenanzas. “Temos a man tendida ao diálogo para negociar un texto que regule a actuación dos VTC na cidade e que, á vez, defenda o sector do taxi”, afirma Avia Veira.
A premisa da que parte esta proposta do BNG é ir polo vieiro xa establecido na Ordenanza de Mobilidade recentemente aprobada, isto é, que os VTC (vehículos de transporte con condutor) non podan facer viaxes urbanas no noso concello, ou sexa, desprazamentos con saída e destino no noso termo municipal. Os VTC, de acordo coa normativa galega, só teñen título habilitante para facer viaxes inter-urbanas (entre concellos distintos).
De acordo coa proposta de ordenanza do BNG, os VTC non poderían estar en paradas para captar clientela nin poderían circular polo interior da cidade para ofrecer os seus servizos. Estes terían que ser precontratados cun tempo mínimo de antelación (60 minutos), os vehículos deberían estar convenientemente identificados como tales e estaren rexistrados nunha plataforma dixital.
"Temos a man tendida ao diálogo co Goberno Local. A alcaldesa ten que decidir de que lado está: se cos autónomos e as microempresas do sector do taxi, un servizo público, ou coas multinacionais que promoven os VTC”, afirma Avia Veira
Ao mesmo tempo, o BNG insta o Goberno Local a que dea prioridade ao taxi como servizo público de interese xeral e a que promova programas de apoio e formación para profesionais deste sector.
En todo caso, o BNG advirte de que só apoiará unha ordenanza “que vaia na liña desta que propomos, en defensa do sector do taxi e cunha regulación dos VTC que impidan as súas viaxes urbanas”, conclúe Veira.