UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENOXUÑO

O BNG propón que as 5 vivendas de Pontejos e as 40 de EMVSA, estas unha vez arranxadas, se adxudiquen en aluguer

Avia Veira, no número 15 da Rúa Pontejos.
Avia Veira, diante do número 15 de Pontejos
A portavoz do BNG en María Pita e candidata á Alcaldía, Avia Veira, vai defender este xoves unha moción, no Pleno do Concello, para que as 5 vivendas municipais do número 15 da rúa Pontejos e as 40 que EMVSA ten pendente de arranxo se poñan a disposición das coruñesas e coruñeses en réxime de aluguer.
O BNG propón que as 5 vivendas de Pontejos e as 40 de EMVSA, estas unha vez arranxadas, se adxudiquen en aluguer

Veira anunciou esta iniciativa nun encontro cos medios precisamente diante do edificio de Pontejos.

“A recepción por parte do Concello deste edificio de 5 vivendas municipais produciuse o 18 de decembro de 2025. Uns meses antes, no verán, o Goberno Local anunciou que estaba a traballar conxuntamente con EMVSA -Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades- nunhas bases para adxudicar estes pisos á veciñanza”, relatou.

Mais en febreiro deste ano, a alcaldesa deu un xiro á situación anunciando que se cederían a entidades sociais.

Pois ben, seis meses despois da recepción da obra, “nin unha cousa nin a outra”, censura Avia Veira. “A cesión anunciada non se pechou con ningunha entidade”, anota.

En paralelo a esta parálise, recentemente o BNG soubo que hai máis de 40 vivendas municipais do parque xestionado por EMVSA e que están pendentes de arranxos e reparacións para, a través dun concurso, se adxudicaren ás coruñesas e aos coruñeses que o precisen e que o soliciten.

No contexto actual, sendo a vivenda no mercado libre un ben inaccesíbel para unha grande maioría das coruñesas e os coruñeses, non se pode consentir que “estas 5 vivendas de Pontejos, perdoando a expresión, estean mortas de risa”, afirma Veira.

A xuízo da candidata nacionalista á Alcaldía, a política de vivenda do Goberno Local deixa moito que desexar. “A alcaldesa, ademais de ir a falar ao Senado e de dar charlas na sede do PSOE, debería facer algo máis en materia de vivenda na Coruña. É o principal problema que teñen as coruñesas e os coruñeses e haille que facer fronte. As principais competencias son da Xunta, mais o Concello ten que mobilizar todo o seu parque de vivendas”, remarca.

A moción

A moción que vai defender Avia Veira no Pleno do xoves consta de tres puntos: que o Goberno Local destine os recursos económicos necesarios para arranxar as 40 vivendas de EMVSA, que os 5 pisos de Pontejos se incorporen ao parque municipal e que se elaboren unhas bases do concurso para adxudicar esas 45 vivendas -as 40 de EMVSA e as 5 de Pontejos- en réxime de aluguer.

 

 

 

O BNG propón que as 5 vivendas de Pontejos e as 40 de EMVSA, estas unha vez arranxadas, se adxudiquen en aluguer