O novo contrato de Nostián desincentiva a reciclaxe ao aumentar o custo do envío ao vertedoiro dos refugallos, incluídos produtos bioestabilizados

Nostián
Un momento da reunión
A Comisión de Seguimento do proceso de licitación de Nostián -órgano creado no seu día a proposta do BNG- volveuse reunir esta mañá en María Pita após a primeira convocatoria do concurso ficar deserta por non se presentar ningunha empresa.
O novo contrato de Nostián desincentiva a reciclaxe ao aumentar o custo do envío ao vertedoiro dos refugallos, incluídos produtos bioestabilizados

Na xuntanza, o Goberno Local -que no seu momento estimou parcialmente as alegacións presentadas por diversas empresas para, dese modo, modificar as condicións do contrato- informou do estado actual dos trámites en marcha.

“Como é sabido”, relata Francisco Jorquera, viceportavoz do BNG e representante do Bloque nesta comisión, “o custo do contrato vai experimentar un incremento de máis de 94 millóns de euros con respecto á previsión anterior, situándose por riba dos 736 millóns de euros”.

Alén do incremento no prezo do contrato, Jorquera mostrou a súa inquietude “por unha cuestión que ao BNG lle preocupa de xeito especial”. E é que a formación nacionalista entende que as modificacións introducidas na licitación poden desincentivar a reciclaxe ao aumentar o prezo que cobrarán as empresas por enviar ao vertedoiro os refugallos.

“Prodúcese un incremento significativo do custo da xestión dos refugallos, é dicir, da fracción do lixo que non se pode tratar e que se deriva a un vertedoiro”, refire Jorquera.

O custo do contrato vai experimentar un incremento de máis de 94 millóns de euros con respecto á previsión anterior, situándose por riba dos 736 millóns de euros

E aínda por riba, a efectos de valoración económica, mesmo o 60% do bioestabilizado (ou sexa, produto orgánico obtido en planta a partir de residuos urbanos mesturados) pasará tamén a ter a consideración de refugallo que irá a vertedoiro.

“Do punto de vista do BNG, esta modificación pode desincentivar as empresas que aspiren a xestionar a planta para mellorar a reciclaxe”, o cal afastaría Nostián “dos obxectivos de reciclaxe fixados polo Estado e pola UE”.

“Para a nosa sorpresa, fixemos esta observación durante a reunión de hoxe, sen que o Goberno Local nos contestase”, engade

 

 

O novo contrato de Nostián desincentiva a reciclaxe ao aumentar o custo do envío ao vertedoiro dos refugallos, incluídos produtos bioestabilizados