UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO PARA O #PLENOXUÑO

Resolver os problemas do Recinto Feiral Sector 7 indo á súa raíz

David Soto, encontro coa veciñanza do Sector 7 Recinto Ferial
David Soto, nun encontro coa veciñanza do Sector 7 Recinto Ferial
No Recinto Feiral Sector 7 as vivendas construíronse antes de se garantiren as condicións mínimas de habitabilidade necesarias para o benestar das persoas residentes no barrio.
Resolver os problemas do Recinto Feiral Sector 7 indo á súa raíz

Esta situación ten sido denunciada en numerosas ocasións pola veciñanza e é a que leva o concelleiro do BNG David Soto a formular un feixe de propostas para facer do Sector 7 un barrio con mellores condicións de vida. Vaino facer por medio dunha moción que se debaterá no Pleno do vindeiro xoves.

“Os problemas son múltiples”, relata Soto, “o Sector 7 carece de equipamentos básicos, falta limpeza, iluminación -nomeadamente na zona de ExpoCoruña- e a conectividade é moi deficiente, sen boas conexións peonís cos barrios próximos, Mesoiro e Mato Grande”.

É un barrio cortado en dous, dividido pola Avenida García Sabell, unha vía que só se pode cruzar en coche. “A metade do barrio está condenada a coller o vehículo particular para cousas tan básicas como facer a compra”, denuncia Soto.

Entre outras cuestións, o BNG propón a mellora do tráfico durante os eventos masivos que teñen lugar, ora en ExpoCoruña, ora no Coliseum, cunha maior presenza de policía local, a habilitación de aparcadoiros usuarios e o reforzo da conexión vía bus.

Igualmente, e con vistas a mellorar a limpeza, Soto pídelle ao Goberno Local que incremente a frecuencia das rozas en toda a zona, a impedir así o crecemento da maleza que con frecuencia invade as beirarrúas.

De resto, o BNG chama o Goberno Local a que faga xestións para a Consellaría de Sanidade estudar a hipótese de abrir un centro de saúde que preste servizo aos barrios do Recinto Ferial-Sector 7, Someso e As Rañas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Resolver os problemas do Recinto Feiral Sector 7 indo á súa raíz