UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO
O BNG propón a creación dun servizo municipal de consigna para as persoas sen fogar
Soto xa se interesa polo asunto cando no Pleno do pasado mes de outubro dirixiu un rogo oral ao Executivo coruñés. Tratábase, e trátase, de que as persoas sen fogar dispoñan “en varios puntos da cidade” dun lugar en que podan gardar de forma segura os seus efectos persoais.
A razón de rexistrar agora estas preguntas é porque desde outubro o Goberno Local non deu ningún paso para materializar a petición dese rogo oral.
Soto salienta que as súas iniciativas teñen como orixe “a situación en que se acha unha coñecida asociación desta cidade [Comité Cidadá AntiSida da Courña, Casco], que ofrece o servizo de consigna para persoas sen fogar e que, actualmente, se acha desbordada”.
Para o BNG, a creación deste servizo municipal -para o cal se requiriría “apenas un pequeno investimento”- daría resposta á “apremante necesidade” que teñen as persoas sen fogar, “pois é a única forma qeu teñen de gardar con seguridade os seus efectos persoais”.
Por tanto, Soto inquire o Goberno Local se ten pensado crear servizo, e en caso afirmativo, cando ten previsto facelo.