O BNG presenta na Coruña "E ti de quen vés sendo?", un vídeo que pon o "quen" no centro do feminismo
A Coruña, 11 de marzo de 2013.- Dentro da campaña desenvolvida polas nacionalistas con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o BNG da Coruña presentará mañá, martes, ás 20h na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a peza documental "E ti de quen vés sendo", un vídeo realizado pola Comisión Nacional de Acción Feminista en que nove mulleres, África Sanmartín, Teresa Otero, Cristina Lerma, Wui Chem, Rocío Fraga, Rosa Gómez Reino, Sigrig Bouzón, Lola Outeral e Sabela Pena, falan das súas motivacións para combater en distintas loitas así como da súa relación co nacionalismo. Tras o visionado do vídeo, terá lugar un debate coas persoas que asistan a este acto público, en que participarán a responsábel nacional de Acción Feminista do BNG, Goretti San Martín, a activista social e feminista da Coruña, Rocío Fraga, e a responsábel local de Galiza Nova, Alba Sánchez.
"A idea de ti de quen vés sendo pretende converter en protagonista a causa que move estas mulleres, explica Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista do BNG da Coruña, quen engade que se trata "de poñer o "quén" no centro do feminismo, do ecoloxismo e da solidariedade internacional". E é que, para as nacionalistas, o feminismo engloba: "a defensa da terra, a capacidade das mulleres para decidir sobre a súa vida, a reivindicación dos dereitos lingüísticos, cívicos e políticos, tomar decisións sobre o propio corpo e todo isto lévamos a nós e a elas a falar de soberanía". Precisamente, o lema co que o BNG conmemorou este 8 de marzo foi "A soberanía será feminista ou non será". "Só a través da autonomía, as mulleres teremos unha vida digna", conclúe.