A FORMACIÓN NACIONALISTA PROPÓN UNHA LEI DE COMERCIO LOCAL PARA O POTENCIAR PERANTE A "COMPETENCIA DESLEAL" DE GRANDES PLATAFORMAS E SUPERFICIES

O BNG presenta a campaña "Mellor Local, Mellor Galego" para animar as coruñesas e coruñeses a apoiar o comercio de proximidade

Presentación campaña Mellor Local Mellor Galego
Un momento da presentación
Animar a que nestas festas -tamén no resto do ano- as coruñesas e os coruñeses merquen no comercio de proximidade, nas tendas dos barrios. Ese é o propósito que levou o BNG a presentar esta mañá a campaña “Mellor Local, Mellor Galego”. A presentación correu a cargo do concelleiro David Soto, responsábel de comercio do noso grupo municipal, quen estivo acompañado por Francisco Jorquera e Avia Veira.
O BNG presenta a campaña "Mellor Local, Mellor Galego" para animar as coruñesas e coruñeses a apoiar o comercio de proximidade

 “Queremos impulsar o comercio de proximidade, animar a xente a que merque nas tendas dos barrios, neses establecementos que fan cidade e desenvolven un labor social importantísimo e onde recibimos unha atención exquisita por parte das súas traballadoras e dos seus traballadores”, afirmou Soto, quen ofreceu unha conferencia de prensa na libraría Moito Conto, na rúa Santo André. A campaña presentouna hoxe o BNG de forma simultánea nas sete cidades galegas.

Apoiar o comercio de proximidade pasa por mercar estes días nesas tendas de barrio, mais tamén pasa por, no plano político, propor unha nova lei do comercio local.

“Cómpre que o Parlamento galego aprobe unha lei que potencie o comercio de proximidade e que o fortaleza perante a competencia desleal que sofre por parte das grandes plataformas e as grandes superficies comerciais”, salientou Soto, responsábel de comercio no grupo municipal do BNG.

A campaña presentouna hoxe o BNG de forma simultánea nas sete cidades galegas

Soto tivo tamén palabras para as e os comerciantes locais, “traballadoras e traballadores autónomos que enfrontan todo tipo de problemas na súa vida laboral”.

Nese mesmo sentido, apuntou que, de acordo cun estudo realizado pola propia Xunta, os principais problemas cos que lidan as e os traballadores do comercio local son “a competencia desleal das grandes plataformas e superficies, o alto prezo dos alugueres e unha presión fiscal inxusta”.

“Esiximos que a Xunta dea solucións a estes problemas de vez e que o faga cunha nova lei de comercio local”, concluíu Soto.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O BNG presenta a campaña "Mellor Local, Mellor Galego" para animar as coruñesas e coruñeses a apoiar o comercio de proximidade