O BNG presenta alegacións ao modificativo de crédito encamiñadas ao fomento do emprego
A Coruña, 27 de xuño de 2013.- A concelleira nacionalista Avia Veira deu conta esta mañá das alegacións presentadas polo Grupo Municipal do BNG ao modificativo de crédito aprobado inicialmente polo Partido Popular, un modificativo de 10,2 millóns de euros que, en palabras de Avia Veira, non dedica nin un só céntimo ao fomento de postos de traballo e que ten como obxectivo pagar os recoñecementos extraxudiciais, é dicir, o que o PP denominaba na oposición as facturas ilegais. Ademais, advertiu de que este modificativo non serve de impulsor da economía, xa que dá de baixa obras comprometidas inicialmente no orzamento.
Nesta liña, a concelleira do BNG criticou que o Partido Popular destine 4,5 millóns do modificativo a pagar gastos sen crédito orzamentario e sen seguir o procedemento legalmente estabelecido para tales efectos, unhas facturas, salientou, xeradas na etapa do Goberno do Sr. Negreira, concretamente, do ano 2012. Chamou a atención Avia Veira sobre 2,7 millóns destinados a pagarlle a Compañía de Tranvías.
O BNG pide manter a convocatoria de subvencións e iniciativas empresariais de emprego
No que ten a ver coas alegacións, Avia Veira explicou que se artellan ao redor de tres grandes grupos. En primeiro lugar, sinalou que o Grupo Municipal do BNG reclama non dar de baixa a convocatoria de subvencións e iniciativas empresariais de emprego, que tiñan como obxectivo fomentar a creación de empresas, o autoemprego e, en xeral, o fomento da actividade empresarial.
Expuxo a concelleira do BNG que podían ser obxecto desta subvención aqueles proxectos empresariais emprendidos no ámbito do Concello de forma individual ou a través de microempresas. Eran 180.000 euros de axudas a fondo perdido co fin de subvencionar a cota correspondente ao rexime especial de traballadores autónomos, calquera rexime especial por conta propia da seguridade social ou de mutualidade de colexio profesional.
Sinalou Avia Veira que o Goberno municipal quere redirixir 140.000 euros destes 180.000 euros a un viveiro de empresas-centro de innovación empresarial cuxo punto de partida é o protocolo asinado entre o Concello, a Fundación Emalcsa, a Cámara de Comercio e a Fundación Instituto Cameral que, teoricamente, segundo decreto de Alcaldía de 3 de maio de 2013 (achégase xunto á nota), non supuña achega económica ningunha. Sobre o viveiro de empresas, Avia Veira lamentou que se gasten cartos públicos para un viveiro de titularidade privada cando o propio Goberno municipal eliminou na reprogramación do proxecto Urbana C un viveiro de titularidade pública para a Agra do Orzán.
O BNG reivindica que se manteñan os cartos destinados a obras e investimentos como a rehabilitación do mercado de Santo Agostiño ou a reposición de firmes de vías públicas
Ademais, nas súas alegacións, o Grupo Municipal do BNG reclama que non se dean de baixa os cartos destinados ás obras de reposición do mercado de Santo Agostiño, para o que estaban previstos 250.000 euros. Avia Veira criticou que 85.000 euros deses 250.000 inicialmente orzados para o mercado de Santo Agostiño van destinados a concederlle un convenio a ASCEGA (Asociación de Comerciantes y Emprendedores de Galicia) para o evento Incoruña. De novo, moita pompa, moita axuda ás súas amizades, pero apoio a desempregados, cero, sinalou a nacionalista.
Tamén presenta o BNG alegacións contra a a supresión de 396.276 euros para o plan de mellora en mobilidade do tráfico rodado, 204.007 euros en renovación e rehabilitación de firmes, 335.000 euros en reposición de pavimento de vías públicas, 258.000 euros no contrato de limpeza ou 200.000 euros nas obras de reparación da estación de autobuses.
A meirande parte destes cartos, expuxo Avia Veira, van ser destinados polo Goberno municipal para festas e para o Consorcio de Turismo.
O BNG reclama que non se supriman os cartos para a inserción de chabolistas
Por último, Avia Veira salientou que o BNG pide nas alegacións que non se suprima a partida de 200.000 euros para a adquisición de vivendas destinadas a realoxo de chabolistas e que non lle reste 62.500 euros á partida inicial de 95.000 euros para o convenio coa fundación Secretariado Xitano para o programa ACCEDER de inserción social básica e de acceso ao emprego.
Puxo de manifesto a nacionalista a necesidade que ten o pobo xitano de acceder ao emprego, de aí que non se comprenda o recorte de 62.500 euros dun convenio para un programa que tiña como primeiro obxectivo conseguir a incorporación efectiva do colectivo xitano no autoemprego.
Ademais, salientou que o BNG desbota a anulación da partida de 200.000 euros para a adquisión da vivenda dentro do programa de erradicación do chabolismo. Denunciou Avia Veira que por segundo ano consecutivo, o nivel de execución desta partida destinada á erradicación do chabolismo é cero. Lembrou que no 2012 había unha partida de 160.000 euros que non se chegou a executar.