O BNG pregunta por que o Concello da Coruña ten que asumir o pago dunha web de Arteixo
A Coruña, 16 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unhas preguntas para a resposta escrita na que se interesa polo pago, por parte do Concello da Coruña, dun portal municipal de Servizos Sociais do Concello de Arteixo. As nacionalistas, que tiveron acceso ao documento, sinalan que con data de 5 de decembro de 2012, a tenente de alcalde responsábel da área de Facenda asinou unha resolución para autorizar o gasto e adxudicar a SATEC o desenvolvemento do portal municipal de Servizos Sociais do Concello de Arteixo. Á vista da documentación á que tivo acceso o BNG, a responsábel de Facenda deu luz verde ao pago de 21.659 euros para o desenvolvemento do portal municipal de Servizos Sociais de Arteixo.
Na iniciativa, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira como xustifica que o Concello da Coruña asuma o pago deste portal do Concello de Arteixo; por que razón ten que facerse cargo A Coruña do custo de 21.659 dunha páxina web para Arteixo; que funcións se realizan desde o Concello da Coruña para que sexa este quen asuma o custo do portal e que contraprestacións recibe o Concello da Coruña por pagar os 21.659 euros que custa. Á espera de que o Goberno do Sr. Negreira responda as preguntas formuladas polo BNG, as nacionalistas xa solicitaron o acceso ao expediente da factura para coñecer máis detalles.