O BNG pide a xestión pública e directa das axudas para a erradicación do chabolism
A Coruña, 10 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno Local que o Concello, a través dos Servizos Sociais, se faga cargo da xestión pública e directa das axudas para a erradicación do chabolismo tras a aprobación na pasada Xunta de Goberno Local de outorgar 330.000 euros á Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social para a realización das actividades do Programa de erradicación do chabolismo.
E é que as nacionalistas presentaron hoxe unha serie de preguntas escritas (achéganse dixitalizadas) interesándose por dito convenio, xa que, entre outras cousas, o convenio asínase cunha entidade que non ten experiencia nos últimos 25 anos no traballo con poboación xitana e que, a diferenza do que recibe, 330.000 euros (dos cales 29.700 euros son para xestión e estrutura, é dicir, representa o 9% do que poderiamos chamar beneficio empresarial) non se sabe canto inviste cando o seu obxecto é a atención e o desenvolvemento da obra benéfico social.
O BNG quere saber tamén cal é a explicación do custe dado do convenio, que é o mesmo que en anos anteriores e porén, o obxecto é desigual. Así os 330.000 euros (cantidade idéntica asinada en anos anteriores co Secretariado Xitano) son para traballar con 26 familias procedentes do Plan de realoxo de Penamoa, dos cales 151.180 euros son para aluguer de 26 vivendas. Mais o convenio de 2013 sinálabase que o Secretariado Xitano traballaba con 75 familias e alugaba 30 vivendas coa mesma cantidade de cartos (achéganse anexos dixitalizados da memoria de solicitude de 2013 e da memoria de solicitude do convenio de 2014).
As nacionalistas tamén se interesan polo trato desigual do Goberno Local cos outros 3 asentamentos precarios existentes na cidade como son O Portiño, cunhas 80 familias, A Pasaxe, cunhas 45 familias, e As Rañas, cunhas 20 familias, xa que o convenio só atinxe a familias que moraban en Penamoa.