Soto trasládalle ao #PlenoSetembro as críticas veciñais á xestión das festas
Soto impulsou esta iniciativa após o grupo municipal nacionalista saber que en 2024 “algunhas asociacións veciñais”, ante o “desleixo” e o “abandono” co que o Goberno Local trata as festas populares dos barrios, “tiveron que pór diñeiro do seu peto para estas se celebraren”.
Nalgúns casos, refire Soto, “as asociacións desvinculáronse da organizacións das festas como forma de protesta perante o pasotismo do Goberno Local”.
O certo é que para 2025 o Executivo coruñés anunciou un novo mecanismo de organización e financiamento das festas nos barrios, cun aumento dos fondos -a partida pasaría de 400 a 500 mil euros- por parte do Concello.
“Mais a preocupación”, alega Soto, “das asociacións veciñais continúa, primeiro porque non teñen seguridade de que ese novo mecanismo vaia garantir a celebración das festas e segundo porque teñen medo de que se vexan obrigadas a adiantar un diñeiro do que non dispoñen para celebralas”.