UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS PARA O #PLENOFEBREIRO DO 6F
Após o emotivo tributo aos heroes do Orzán, para cando o recoñecemento a Ibrahima e Magatte?
O que fica agora pendente é realizar un acto público semellante de entrega do título de fillos adoptivos a Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye, os mozos senegaleses que puxeron a súa vida en risco cando tentaron salvar a de Samuel Luiz, salvaxemente asasinado nun crime de execrábeis connotacións homófobas.
É por isto que a concelleira do BNG Mercedes Queixas leva o asunto ao Pleno ordinario do vindeiro xoves 6 de febreiro en forma de pregunta oral ao Executivo coruñés: “Cando vai realizar o Goberno Local o acto público de recoñecemento de Ibrahima e Magatte como Fillos Adoptivos pendente desde 2022?”.
“O recoñecemento público a aquelas persoas que destacan polos seus valores éticos, solidarios e de xustiza social engrandece a quen recibe este recoñecemento, pero tamén a quen o promove e o fai. Vímolo esta semana coa emotiva homenaxe aos heroes do Orzán. Por iso desde o BNG no próximo Pleno ímoslle lembrar ao Goberno Local que en marzo de 2002 se tomou o acordo por unanimidade de nomear fillos adoptivos a Ibrahima e Magatte, como recoñecemento público polo seu comportamento ético e solidario”, refire Queixas.
Non se entende como case tres anos despois, remarca Queixas, o Goberno Local aínda non convocou un acto público e solemne de entrega do título de fillos adoptivos a estes mozos senegaleses. “É preciso render tributo á súa enorme dignidade e coraxe e pór en valor que A Coruña quere ser unha cidade libre de todo tipo de violencias e, por suposto, libre de homofobia” , conclúe a concelleira do BNG.