O BNG maniféstase contra as taxas xudiciais que levan á indefensión do pobo
A Coruña, 12 de decembro de 2012.- A concelleira do BNG Avia Veira participou na mobilización que tivo lugar esta mañá diante da sede do TSXG contra a Lei 10/2010, de 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da administración de xustiza. Estas novas taxas aprobadas polo PP no Goberno central provocan unha xustiza para persoas ricas e outra para pobres.
A edila nacionalista lamentou que o Sr. Negreira se puxer do lado de Gallardón e non da veciñanza ao defender as taxas xudiciais. Lembra Veira que no Pleno ordinario deste mes os concelleiros e concelleiras do PP impediron que se debatera a moción presentada polo BNG contra as novas taxas e os recortes na xustiza, unha iniciativa que contaba co visto e prace do decano do Colexio de Avogados da Coruña e presidente do Consello da Avogacía Galega, Antonio Platas.
Veira pon de manifesto que as novas taxas na xustiza, aplaudidas polos concelleiros e concelleiras do PP da Coruña, obstaculizarán e dificultarán o acceso á xustiza e deixarán o acceso aos tribunais ao alcance duns poucos, provocando a indefensión na meirande parte da cidadanía. Lembra Veira que esta lei que está a ser obxecto de críticas do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Consello do Estado, do Consello Xeral da Avogacía Española e de asociacións de xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, avogados e persoas en xeral.