O BNG levará a pleno unha moción para que o alcalde adopte medidas contra @s imputad@s do "Pokemon"
A Coruña, 2 de febreiro de 2014- O Grupo Municipal do BNG presentará unha moción na sesión plenaria de mañá en que instará o Sr. Negreira a adoptar medidas contra as persoas imputadas na trama coruñesa da operación Pokemon, coñecida como Pikachu. E é que cada día que pasa maior é a desconfianza que se xera respecto ao Concello da Coruña e á súa xestión. tal e como vén demandando o Bloque publicamente, a moción exixirá as dimisións dos concelleiros imputados, así como o cese do persoal eventual de confianza que asesora o Goberno municipal do PP e mais o apartamento das persoas funcionarias de todo proceso administrativo relacionado con contratacións.
Ademais, dado que o coñecemento de parte das gravacións pon de manifesto que o Sr. Flores empregou o seu cargo con fins perversos e non para o exercicio da función pública, a moción do Grupo Municipal do BNG emprazará o Sr. Negreira a cesar o Sr. Flores como portavoz seu goberno e como membro da Xunta de Goberno Local.
Na moción a debater na sesión plenaria de mañá, o Bloque tamén lle demandará ao alcalde que explique se tiña coñecemento ou non das actuacións do Sr. Flores que constan nas gravacións dadas a coñecer polos medios de comunicación e emprazarao a aclarar se esas actuacións do portavoz do seu goberno eran a título particular ou en representación dos intereses do Partido Popular.