O BNG critica que o custo da cabalgata ascendera a 365.000 e os gastos do Nadal a 1 millón
A Coruña, 30 de xaneiro de 2014.- Despois de ter acceso ao conxunto do expediente, a concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia que a cabalgata de reis ascendeu este ano a 365.000 euros, entre os gastos da propia cabalgata e mais o aluguer das carrozas que estaba licitado en 91.960 euros e que finalmente foi adxudicado por 79.860 euros (o aluguer das carrozas do ano pasado ficou adxudicado por 51.919,01 euros). Isto supón que o custo global do Nadal superara a barreira do millón de euros.
A concelleira do BNG critica o alto custo dun Nadal ostentoso que en nada concorda coa situación de crise que padecemos nunha cidade galega en que máis medrou a pobreza (os últimos datos do IGE sinalan que a taxa de pobreza aumentou na cidade un 70%). Os 365.000 euros que custou a cabalgata súmanse aos máis de 135.000 euros que custou o poboado lapón e aos 563.350 euros dos gastos en iluminación. É dicir, máis de 1 millón de euros. Para o BNG o excesivo gasto de Nadal responde á política de pouco pan e moito circo do PP na cidade da Coruña, que non tivo reparos en gastar máis de 2 millóns nas festas de María Pita.
O BNG denuncia a insuficiente puntuación técnica da proposta da empresa que resultou adxudicataria
Pola outra banda, despois de acceder ao prego de referencias técnicas do aluguer das carrozas, a concelleira do BNG revela que a empresa adxudicataria, a única que concorreu ao concurso, obtivo unha puntuación técnica claramente insuficiente. E é que no referente ao criterio de características estéticas, a empresa gañadora sacou 2 puntos dun máximo de 8 e seguindo o criterio de melloras, só conseguiu 1,75 puntos dunha puntuación posíbel de 4. Isto significa que dun total de 12 puntos tan só acadou 3,75.
O BNG criticara con anterioridade que o Goberno do Sr. Negreira tramitou de forma urxente este concurso e reducía de 10 a 8 os días en que se podían presentar as propostas. Finalmente, só unha empresa, a adxudicataria, se presentaba ao concurso.
As cifras da cabalgata
Animación cabalgata: Spheres: 11.676,5 euros, Juguetes Kull de Sac: 7.381 euros, Les jous volantes 24.865,50 euros, Jouets: 15.730 euros, Pasarrúas Manicómicos: 32.080 euros, Notas musicales: 47.371 euros
Persoal:7.262,88 euros
Decoración: 20.872,50 euros
Varios (Visita reis magos, speaker cabalgata, deseño camisetas, transporte nenos participantes, enganches, asistencia técnica control de elaboración de carrozas): 28.680,51 euros
Varios (valados, carpa, haimas...): 19.658,89 euros
Aluguer seis trens: 14.701,50 euros
Luz, son e audiovisual: 18.440,40
Caramelos: 17.160 euros
Camisetas: 7.744 euros
Outros gastos (pulseira, chubasqueiro, chocolate, catering): 10.834 euros
Seguridade: 527,95 euros
Aluguer carrozas para a cabalgata: 79.860 euros
TOTAL 364.846,63 euros
Táboa comparativa prezo aluguer carrozas
ANO IMPORTE LICITACIÓN IMPORTE ADXUDICACIÓN ADXUDICATARIA
2009 35.000 euros 34.750 euros Alberto Salas Costas
2010 35.000 euros 34.750 euros Mª Elisa Iglesias Santomé
2011 35.000 euros 31.234 euros TEMAGAL, S.L.
2012 63.000 euros 62.498,97 euros Carlos López Ríos
2013 65.000 euros 51.919,01 euros VS1 Producción Creativa S.L.
2014 91.960 euros 79.860 euros Ouri Producciones Artísticas, SL