O BNG leva a Pleno as axudas ás hipotecas de veciñ@s de Novo Mesoiro
A Coruña, 19 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG levará ao vindeiro pleno ordinario de decembro, que terá lugar este luns, un rogo oral para que a Xunta de Galiza restitúa as axudas á hipoteca de vivenda protexida, unha cuestión que lles afecta, principalmente aos veciños e veciñas de Novo Mesoiro.
A través desta iniciativa, a concelleira do BNG María Xosé Bravo, que mantivo reunións coa plataforma, reclámalle ao Goberno do Sr. Negreira que se posicione do lado da veciñanza de Novo Mesoiro e que manifeste que non permitirá que se elimine un dereito que estaba recoñecido no Plan de Vivenda 2005-2008 da Xunta de Galiza. Reclámalle, tamén, que emprace a Xunta de Galiza a revisar de oficio a denegación de axudas á hipoteca a propietarios de vivendas protexidas e que inste o Instituto Galego de Vivenda e Solo a que manteña e repoña as condicións previas en materia de vivenda protexida e anule as resolucións que rexeitan as axudas aludindo a criterios de interpretación contrarios a dereito.
A concelleira do BNG explica que o Goberno do Partido Popular no Estado Español, a través do artigo 35 do Real Decreto-Lei 20/2012, eliminou as axudas ás hipotecas aplicando unha interpretación de retroactividade que lle afecta ao Plan de Vivenda 2005-2008 da Xunta de Galiza. E así todas as familias que no seu momento recibiron unha concesión de subsidio hipotecario ao abeiro dese Plan de Vivenda viron como se lles negaba o cobro das axudas que lles correspondían.
En resposta ao BNG no Pleno do Parlamento de Galiza, a Xunta dixo que non revisará de oficio as denegacións
O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa deputada Carme Adán, ten denunciado no Parlamento a denegación da renovación das axudas hipotecarias ás familias. Hai escasos días o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en sede parlamentar, pechou a porta a revisar a negativa da Xunta. Mentres isto sucede en Galiza, sinala María Xosé Bravo, a comunidade de Castilla y León está a revisar de oficio a subsidiación das vivendas protexidas, co aval do informe da Defensora del Pueblo que argumenta que non se pode furtar un dereito recoñecido.