VEIRA PÍDELLE AO GOBERNO LOCAL QUE SUPERVISE SE A EMPRESA PUXO TODOS OS MEDIOS PARA CUMPRIR OS PRAZOS DO CONTRATO
O BNG leva ao #PlenoXaneiro o atraso na reforma do mercado de Monte Alto
A concelleira do BNG Avia Veira vai levar ao Pleno do vindeiro xoves 9X, en forma de moción, os atrasos nas obras do novo mercado de Monte Alto, despois de o Goberno Local autorizar unha prórroga de 8 meses no prazo para a conclusión dos traballos.
En concreto, Veira pídelle ao Executivo coruñés que supervise se a empresa adxudicataria do contrato, que se fixo coa adxudicación ao presentar unha oferta medio millón de euros por debaixo do prezo de licitación, está a pór os medios “materiais e humanos” para se cumpriren os prazos establecidos.
“O que non pode ser é que as empresas fagan ofertas moi por debaixo do prezo de licitación e que despois non cumpran os prazos ou que non poñan os medios materiais suficientes ou os postos na súa oferta de licitación”, afirma Veira.
No caso de se detectar incumprimentos por parte da empresa, o Goberno Local debería impor unha penalidade “por infracción moi grave á empresa adxudicataria, de acordo co que establecen os pregos de cláusulas administrativas que rexen o contrato”, remarca a concelleira nacionalista.
A iniciativa insta igualmente o Goberno Local a que manteña informada “sobre a obra e sobre os prazos á veciñanza de Monte Alto, ás praceira se praceiros e á comunidade educativa da Escola Infantil de Monte Alto”.
Na exposición de motivos da moción, Veira explica cales son as principais consecuencias do atraso de 8 meses no cumprimento do contrato (adxudicado en outubro de 2022 tiña que se ter executado no prazo de 28 meses, coa ampliación as obras teñen como novo termo o 9 de setembro de 2025).
AS CONSECUENCIAS DOS ATRASOS
A primeira consecuencia é que o Concello vai ter que soster durante máis tempo o mercado provisional de Monte Alto na praza de Indalecio Prieto, “co que iso está a supor para praceiras e praceiros”.
A segunda é a afectación que sofren as escolas infantís municipais do barrio. “Ao implicar esta obra tamén a reforma da escola infantil de Monte Alto, as prazas que ofrecía esta escola tiveron se que se acomodar na Escola Infantil Luís Seoane”, explica Veira.
Pero é que agora nin sequera hai garantía -se o novo prazo de setembro non se cumprir- de que o próximo curso escolar vaia comezar nas novas instalacións.
Por último hai unha cuestión relacionada coa mobilidade: “As persoas que aparcaban no Mercado de Monte Alto, que agora teñen os seus vehículos ben estacionados na rúa ou ben noutros garaxes, van ter que agardar máis tempo polo novo aparcadoiro”.