UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO
O BNG leva ao Pleno as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro
É por isto que Soto defenderá unhas moción no Pleno do vindeiro xoves 2M recollendo as reivindicacións máis prementes da veciñanza do barrio.
Así, entre elas, destaca o BNG que o Goberno Local debe negociar de vez coa Consellaría de Educación a creación dun instituto en Novo Mesoiro para garantir que as mozas e mozos do barrio podan estudar perto das súas casas e non se vexan obrigados a se desprazar a outras áreas da cidade.
Tamén é preciso que o Goberno Local comece sen máis dilación os traballos necesarios para dotar o barrio dunha Biblioteca Municipal e, nese sentido, Soto lembra que con tal fin existe unha partida nos orzamentos do Concello para 2004 negociada polo BNG. “Até agora vén funcionando un pequeno punto de préstamo de fondos, cun éxito relevante, mais que resulta considerabelmente insuficiente se se ten en conta a poboación do barrio, o de maior proporción de xente moza e en idade infantil da cidade”, salienta o concelleiro nacionalista.
A materialización dunha das propostas gañadoras dos orzamentos participativos -a construción dun espazo de lecer para a mocidade- é outra das demandas veciñais que incorpora a moción do BNG, ben como tamén o é a mellora do mapa de liñas de bus e a dotación da liña 21, “de forma que se garanta unha mellor conexión de Novo Mesoiro co resto da cidade e se evite a actual acumulación reiterada de retrasos”.
A que se refire ao transporte público urbano é unha das “queixas máis recorrentes por parte das veciñas e veciños”, remarca Soto. Os continuos retrasos non se ven compensados co reforzamento da liña en horas punta. Tampouco existe a necesaria conexión con servizos esenciais como os hospitais, os centros de educación secundaria ou a universidade. Un desprazamento en bus urbano desde Novo Mesoiro até o Materno Infantil pode demorar por volta dunha hora, cun transbordo.
O acondicionamento e cambio de uso do chan do aparcadoiro da parte alta de Ribeira Sacra e a reparación das fontes e varandas dos parques do barrio completan as peticións formuladas nesta moción do BNG.