O crédito extraordinario do IMCE fica fóra deste Pleno ao comunicarlle o BNG ao PSOE que non o apoiaría por non contemplar todas as facturas pendentes

Conferencia de prensa Jorquera Queixas orzamentos Xunta para A Coruña
Jorquera, nunha conferencia de prensa
O crédito extraordinario do IMCE non figurará finalmente na orde do día do Pleno do vindeiro xoves 2 de maio após o grupo municipal do BNG lle ter transmitido ao Goberno Local que non o iría votar a favor por non contemplar o pagamento de todas as facturas pendentes e por contar o expediente con reparos do interventor.
O crédito extraordinario do IMCE fica fóra deste Pleno ao comunicarlle o BNG ao PSOE que non o apoiaría por non contemplar todas as facturas pendentes

“Transmitímoslle ao Goberno Local -e teño que lembrar que o Goberno Local está en minoría- que non íamos facilitar no Pleno a aprobación da proposta de modificación dos orzamentos do IMCE, Non só polas múltiples irregularidades que contiña o expediente e que mereceron os reproches da Intervención, senón porque, utilizando un coloquialismo, esa proposta era unha auténtica chafallada”, afirma o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.

A ese respecto, lembra Jorquera que o crédito extraordinario, nos termos en que foi á reunión do Consello Reitor do IMCE realizada onte, non contemplaba o pagamento de todas as facturas pendentes. Ficaban fóra pagamentos por valor de arredor de un millón de euros. “Iso obrigaría a ter que facer en breve un novo modificativo e crearía unha situación de agravio, con moitos artistas, con moitas empresas, que continuarían sen cobrar”, argúe o voceiro nacionalista.

É por isto que o BNG lle pide ao Goberno Local que, no prazo máis breve posíbel, prepare unha modificación dos orzamentos do IMCE que si cumpra todos os requisitos -incluído un informe da Asesoría Xurídica- e que, por tanto, contemple “todas as facturas pendentes” e tamén “unha dotación para gastos que o IMCE vai ter que afrontar en breve, por exemplo as festas do verán”.

Se o Goberno Local así o fixer, se as cousas se fixeren con xeito, o BNG está disposto “a facilitar a aprobación desa modificación”, para evitar “danos a terceiros”.

“Iso foi o que lle transmitimos ao Goberno Local e por esa razón o asunto non irá ao Pleno do vindeiro xoves”, conclúe Jorquera.

 

O crédito extraordinario do IMCE fica fóra deste Pleno ao comunicarlle o BNG ao PSOE que non o apoiaría por non contemplar todas as facturas pendentes