O BNG lamenta que o Sr. Negreira desbote a reunión cos grupos da oposición para falar de Nostián
A Coruña, 26 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG vén de sinalar, co motivo da xuntanza que o alcalde mantivo no mediodía de hoxe con representantes de entidades de veciñas/os, comerciantes, do sector hoteleiro e hosteleiro, que é unha pena que o sr. Negreira non teña tempo para se reunir cos grupos da oposición para lles explicar que acontece en Albada, eludindo así, que a corporación municipal trate este asunto.
O BNG sinala que a día de hoxe aínda non recibiron constestación oficial da solicitude por parte dos grupos da oposición dunha xuntanza co alcalde para lle pór fin ao conflito laboral creado por Albada, que incrementa beneficios por conta de cobrarlle ao Concello por un servizo que non presta, o da reciclaxe, e por conta de recortarlles dereitos ás e aos traballadores e para pórlle fin á fraude social da reciclaxe, xa que se lle está a cobrar á cidadanía unha taxa por un tratamento de residuos que non está a ter lugar.
As nacionalistas lembran así que o Goberno do sr. Negreira, ademais de non lles contestar a súa solicitude de xuntanza, lles impide visitar as instalacións de Albada; non lles deixa consultar as auditorías medioambiental e económica de Nostián; négase a manter unha reunión co Comité de empresa e nega aos grupos da oposición un espazo municipal para se reuniren co comité.
O Grupo Municipal do BNG anima á veciñanza da Coruña e da súa bisbarra a participar na manifestación, convocada polo Comité de empresa de Albada, que sairá o vindeiro martes, ás 12 horas, da praza de Pontevedra para apoiar as/os traballadoras/es e a defensa dos seus dereitos e postos de traballo, así como exixir a Albada e Concello que se cumpra coa reciclaxe. Na manifestación estarán presentes a concelleira María Xosé Bravo San Xosé, o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera e outras concelleiras/os do BNG na bisbarra.