O anuncio de publicación do PXOM é ilexíbel, ten importantes grallas e contén omisións clamorosas
A Coruña, 26 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lembra que o anuncio de publicación do PXOM, de 9 de xullo, é ilexíbel, rexistra grallas importantes e contén omisións e silencios clamorosos. E iso que no día de hoxe o Goberno municipal publica no BOP unha corrección de erro que xa advertira o BNG o día da publicación e que alude á data de publicación no DOG da Orde da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (COMATI), xa que esta fora publicada o 8 de marzo, e non o 25 de marzo como sinalaba o anuncio de aprobación definitiva do PXOM.
O Grupo Municipal do BNG sinala que, tal e como advertiu no seu día, a publicación definitiva do PXOM ten omisións e silencios clamorosos, xa que nada se di sobre a conformidade do documento do PXOM aos requerimentos e condicionantes contidos na orde da COMATI. Así, nin se precisa cando e quen remitiu o documento á COMATI nin tampouco a resolución de conformidade da COMATI ao documento (de feito, a dilixencia de conformidade que figura no documento vai asinado por persoal do Concello, non da COMATI, de data anterior á entrada do documento na COMATI). Ademais, as nacionalistas sinalan que non se inclúe referencia ningunha ao ofrecemento para a interposición do recurso contencioso-administrativo contra o contido normativo do PXOM, nin tampouco ao prazo para recorrer. E, por último, indican que non figura a data de entrada en vigor do documento.
En escrito dirixido ao alcalde, o pasado 10 de xullo, o Grupo municipal do BNG solicitáballe que corrixira todas estas consideracións. Así, as nacionalistas pedían que a publicación fose lexíbel na parte relativa ás fichas; que se precisase no anuncio de publicación cando e quen lle remitiu o documento á COMATI e se fixese constar a conformidade do documento aos requirimentos e condicionantes contidos na Orde da COMATI de 25.02.2013 (isto é, a resolución de conformidade da COMATI ao documento); que se corrixise no anuncio de publicación a referencia ao DOG de 25 marzo, que era incorrecta (isto é o que aparece no Boletín Oficial da Provincia de hoxe); que se incluise no anuncio de publicación o ofrecemento para a interposición de recurso contencioso-administrativo contra o contido normativo do PXOM, con mención expresa á obrigada referencia do prazo de impugnación do PXOM e, por último, que se indicase no anuncio de publicación a data de entrada en vigor do documento do PXOM.