AVALIACIÓN DO CESAMENTO DA CONCELLEIRA RESPONSÁBEL DE EMPREGO E PROMOCIÓN ECONÓMICA
O BNG lamenta que o PSOE coruñés traslade os seus problemas internos ao Goberno Local
O grupo municipal do BNG lamenta que o Goberno Local e o PSOE coruñés non saiban diferenciar planos, e o Concello da Coruña se vexa seriamente afectado polos problemas internos do PSOE coruñés e que o faga, ademais, no medio dunha crise socio-económica e sanitaria tan grave como a actual. É evidente que neste contexto as institucións públicas deben centrar todos os seus esforzos en combater os distintos aspectos da pandemia e non poden perder enerxía en resolver conflitos partidarios.
O cesamento de Eva Martínez Acón demostra, polo demais, que o Goberno Local fechou en falso a crise de finais de agosto, cando remodelou o executivo e deu entrada no gabinete á concelleira procedente de Ciudadanos Mónica Martínez.
O cesamento de Eva Martínez Acón demostra, polo demais, que o Goberno Local fechou en falso a crise de finais de agosto
As políticas de emprego e promoción económica deben ser centrais nas politicas das institucións públicas e máxime nun contexto no que a crise provocada pola pandemia está a provocar a destrución de miles de postos de traballo e a pór en grave risco de futuro moitos sectores da nosa economía local. Nese sentido, o Grupo Municipal do BNG considera enormemente preocupantes as graves críticas lanzadas dende a alcaldía á xestión realizada nesta área.
O BNG demanda do Goberno Local responsabilidade e sensatez para que o Concello non sexa vítima das disputas internas do PSOE coruñés e para que as áreas executivas do Concello, lastradas até o de agora por estes problemas, podan funcionar a pleno rendemento en beneficio das coruñesas e dos coruñeses.