PASO PREVIO Á CONDONACIÓN DA DÉBEDA
Instamos Inés Rey a que se reúna con Goberno do Estado e Xunta para pór en marcha o Consorcio do Porto
En rolda de prensa, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera -quen compareceu perante os medios canda a concelleira Avia Veira- emprazou Inés Rey a que á maior brevidade posíbel solicite entrevistas coas titulares da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana –Ethel Vázquez e José Luis Ábalos, respectivamente- para a constitución dun organismo que pilote a transformación do porto interior.
Nos orzamentos do Estado para 2021 inclúese unha disposición adicional en virtude da cal a Administración central asume as débedas do porto de Valéncia, por volta dos 400 millóns de euros. Para a débeda do porto coruñés -contraída pola construción da dársena exterior de Punta Langosteira, unha obra de titularidade estatal- as contas do Estado para o próximo exercicio non contemplan nin un só euro. A escusa que pon o Goberno estatal é que na Coruña o débito é coa Autoridade Portuaria e non cun consorcio. É por iso que o BNG insta a que se constitúa xa. Alén do máis, o PSdeG comprometeuse a formar ese órgano cando asinou en xuño de 2019 co BNG o Acordo de Investidura que viabilizou a chegada de Inés Rey á Alcaldía.
“O Goberno Municipal non deu ningún paso concreto para constituír o Consorcio. Nin se reuniu co Goberno central nin o fixo coa Xunta de Galiza”, denuncia Jorquera. Nin petición de reunións nin traslado a ambas administracións de ningunha solicitude formal. “Por iso emprazamos o Goberno Local e a alcaldesa Inés Rey a que substitúa a retórica por feitos”.
Para Jorquera, dar pasos cara á constitución do Consorcio tórnase agora unha tarefa máis urxente se cabe “despois de coñecer o proxecto de Orzamentos do Estado”, contas que non dubidou en cualificar de “vergoñentas” no que atinxe o Porto da Coruña.
“En primeiro lugar”, explicou o portavoz nacionalista, porque o ADIF acaba de anunciar que vai asumir o financiamento do acceso sur ao porto de Castellón, por unha cantidade, 140 millóns de euros, idéntica ao que custaría o enlace ferroviario para Punta Langosteira.
Van 140 millóns de euros para Castellón... e apenas unha ridícula partida de 100 mil para o acceso ferroviario a Punta Langosteira. Un diñeiro que iría destinado a unha asistencia técnica, sen que exista unha previsión plurianual, denuncia Jorquera.
Outra incongruencia das contas é que inclúe unha partida de 2,5 millóns para redactar o proxecto de ramal sur (saída a Santiago) “cando aínda non se iniciaron as actuacións para a conexión ferroviaria coa Coruña”.
Un elemento deita moita incerteza sobre o proxecto do enlace ferroviario a Punta Langosteira, alertou Jorquera: o feito de que en 2021 vaia caducar o informe de impacto ambiental (cuxa elaboración demorou tres anos!). “Hai por tanto un risco certo de que teñamos que reiniciar o proceso desde o punto 0 se as obras non comezan xa”, advirte o voceiro nacionalista.
Sen enlace ferroviario, non hai porto exterior merecente de tal nome. E sen enlace ferroviario tampouco é posíbel a transformación dos terreos do porto interior, tarefa que non se pode acometer sen o traslado da estación de mercadorías de San Diego.
EMENDAS DO BNG AOS ORZAMENTOS
O BNG, anunciou Jorquera, aspira a corrixir o mal trato que dan estes orzamentos do Estado ao porto coruñés por medio de emendas dirixidas quer a garantir financiamento ao enlace ferroviario a Punta Langosteira quer a condonar a débeda.
“Esiximos que haxa unha dotación suficiente para que se poida comezar a executar o acceso ferroviario ao Porto Exterior”, dixo Jorquera. “E dado que a desculpa do Goberno Central é que Portos do Estado non pode condonar a débeda da Autoridade Portuaria, apresentaremos unha emenda para o Estado contribuír á transformación dos terreos do porto exterior da Coruña (de titularidade estatal) por unha cantidade equivalente ao débito da Autoridade Portuaria con Portos do Estado”, esclareceu.
Apresentaremos unha emenda para o Estado contribuír á transformación dos terreos do porto interior cunha cantidade equivalente á débeda que contraeu a Autoridade Portuaria pola construción da dársena exterior
Eses fondos estatais deben financiar a transformación dos terreos do porto, sempre en colaboración co Concello e sempre garantindo a súa titularidade pública, remarca Jorquera.
Por tanto, o BNG vai outorgar á construción do enlace ferroviario a Punta Langosteira e á condonación da débeda do porto “a importancia que merecen” na negociación dos orzamentos do Estado.
“E emprazamos o Goberno Local a que faga o propio”, di Jorquera. “Como dixemos no Pleno, gobernar, liderar a cidade, esixe concrecións e resultados. Demostrar con feitos a capacidade de interlocución con outras administracións e facerse valer”, conclúe o portavoz nacionalista.