O BNG faralle ao alcalde tres preguntas orais sobre a operación Pokémon no Pleno do día 10 de marzo
A Coruña, 25 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou no día de onte tres preguntas orais que levará ao pleno do vindeiro día 10 de marzo na que se lle solicita ao Sr. Negreira que resposte, tras coñecerse boa parte do sumario da operación Pokémon, se tiña coñecemento dos asuntos e actuacións dos seus concelleiros e persoal de confianza; sobre que asuntos municipais tratou no seu encontro co Sr. Espadas o 12 de xullo de 2012 no concello; e sobre que asuntos municipais tratou no xantar con directivos de Aquagest e Aqualogy o 6 de setembro de 2012.
Agardamos que sexa o propio Sr. Negreira quen conteste e non outro membro do seu Goberno municipal como aconteceu no pleno de xaneiro
O BNG agarda que sexa o propio Sr. Negreira, xa que as preguntas van dirixidas a el, o que resposte oralmente ás preguntas feitas polas nacionalistas e non faga como no pleno de xaneiro que ante a pregunta oral sobre que pensaba facer o alcalde coas persoas imputadas do concello no caso Pokémon, a persoa que respostou non foi el, senón o tenente de alcalde, Sr. Flores.