Cada día do mes de xaneiro máis de 30 persoas ingresaron nas listaxes do desemprego na Coruña
A Coruña, 4 de febreiro de 2014.- O BNG da Coruña pon de manifesto que as cifras de desemprego do mes de xaneiro son catastróficos, case mil persoas pasaron a engrosar as listaxes do paro. Respecto do mes anterior, o paro creceu en xaneiro en 945 persoas, chegando ás 23.736, e, outra volta, as mulleres son as principais afectadas, xa que as mulleres superamos en mil os homes.
As case mil persoas que foron ao paro na Coruña durante este mes deberían ter o Goberno Municipal en alerta vermella permanente
O BNG alerta de que os datos de xaneiro son catastróficos e demándalle ao Goberno do Sr. Negreira que aterre na realidade do desemprego, da pobreza, das desigualdades sociais e dos barrios que viven a diario as coruñesas e os coruñeses, que reformule as súas prioridades e deixe de dispendiar os cartos públicos en nadais de luxo ou túneles innecesarios coma os da Mariña.
Ademais, as nacionalistas lembran que os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) revelaron que no último trimestre un total de 800 persoas como mínimo ficaron descolgadas da listaxe do desemprego ben por vérense obrigadas a emigrar ou ben por deixaren de apuntarse ás listaxes do desemprego desanimadas por non dar atopado traballo.
O BNG insta o sr. Negreira a promover decididamente os nosos sectores estratéxicos
As nacionalistas salientan que A Coruña ten recursos e que podería erixirse como motor económico de poñer a producir os seus sectores estratéxicos. De aí que o BNG volva instar o Goberno do PP a abandonar as políticas de márketing e propaganda para pasar a promover os sectores produtivos: ría do Burgo, área do emisario de Bens, actividades martítimo-pesqueiras, actividades portuarias, univerisadade, polígonos industriais
Neste contexto, o BNG da Coruña urxe o Sr. Negreira a promover os nosos sectores produtivos, os únicos capaces de crear riqueza e postos de traballo estábeis e de calidade.
E é que a inmensa maioría dos postos de traballo que se crean nos últimos tempos teñen unhas condicións salariais que non lles permiten o traballador e a traballadora poder vivir do seu salario e tampouco lles permiten saír dunha situación de pobreza. Precisamente, nisto mesmo vén de insistir a Unión Europea.
Así, o Estudo da evolución do emprego e da situación social en Europa de 2013 pon de manifesto que o feito de conseguir un posto de traballo só axuda á metade dos e das traballadoras a saír da pobreza, o que depende do tipo de posto de traballo do que se trate entre outros factores persoais do ou da traballadora. O Bloque salienta as declaracións de László Andor, comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusións, que sinalou que non só temos que prestarlle atención á creación de postos de traballo, senón tamén á calidade destes últimos, co fin de lograr unha recuperación sostíbel que non reduza unicamente o desemprego, senón tamén a pobreza.