O BNG exíxelle ao Goberno local que suspenda os desaloxos do Ofimático
A Coruña, 29 de agosto de 2014- En relación ás ordes de desaloxo do Parque Ofimático, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que suspenda os procedementos de desaloxo en tanto non se aprobe definitivamente a modificación do plan parcial do sector 10 Parque Ofimático (Diario Oficial de Galiza de 28 de abril 2014, nº80) que está, actualmente, en trámite. Así, as nacionalistas advirten de que por prudencia, precaución e cuestións de legalidade, é necesaria a suspensión, dado que aínda están pendentes de resolver as alegacións formuladas polas propias persoas afectadas, mais tamén as alegacións presentadas polo BNG.
Visto o contido do expediente da segunda información pública da modificación do plan parcial do Sector 10 Parque Ofimático (expediente 631/240/2011 MPP 1/11), ao Bloque resúltalle sorprendente que mentres se modifican as determinacións do plan parcial vixente a demanda e intereses das empresas e sociedades promotoras (entre elas, a propia Xunta de Galiza), non se faga o mesmo nin coas demandas das persoas residentes desaloxadas (ou en trámite xudicial de desaloxo), nin coas das outras persoas propietarias privadas do sector.
Tal e como poñen de manifesto as nacionalistas nas súas alegacións a esta modificación do plan parcial, resulta inaudito que por parte do Goberno local non se formulase a opción de introducir nesta modificación do plan parcial cuestións relativas ao dereito de realoxo e aos dereitos e obrigas a isto asociadas, cando era o propio Goberno local quen pretendía introducila (sobre a base e o amparo dun informe externo) por un procedemento claramente inaxeitado desde o punto de vista legal e sen contar cos informes municipais oportunos neste sentido.