O BNG exixe por cuarta vez a revisión de oficio dos acordos nulos de pleno dereito de Someso
A Coruña, 12 de decembro de 2014- Despois do sinalado polo Tribunal de Cuentas para que haxa responsabilidade contábel no caso Someso, o Grupo Municipal do BNG salienta que é necesario que o Goberno do Sr. Negreira abandone a súa actitude de pasividade cómplice cos responsábeis desta desfeita urbanística, os Sres. Paco Vázquez e Fontenla, e que proceda a revisar de oficio os actos e acordos nulos de pleno dereito relativos ao sector S-7 de Someso. Por iso, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, presentou esta mañá unha nova solicitude de acción de nulidade coa que lle demanda ao Goberno do Sr. Negreira por cuarta vez que proceda á citada revisión. O portavoz nacionalista espera que o Sr. Negreira non rexeite a petición formal do Bloque por cuarta vez.
Carril indica no escrito que a acta de liquidación provisional do Tribunal de Cuentas de 9 de decembro de 2014, e dada a coñecer onte polo BNG en rolda de prensa, repara na necesidade de revisar de oficio os acordos das Xuntas de Goberno Local de 29 de outubro de 2004 e 30 de setembro de 2005 para determinar responsabilidades contábeis. O portavoz nacionalista lémbralle ao Goberno do Sr. Negreira que é algo que lle ten solicitado o BNG até en tres ocasións a este Goberno Local.
Así, na solicitude de acción de nulidade, Carril salienta que, despois da denuncia efectuada polo BNG no Tribunal de Cuentas en relación á desfeita urbanística en Someso e os prexuízos económicos sufridos polo Concello da Coruña, é o propio instrutor do Tribunal de Cuentas quen sinala na súa acta de liquidación provisional que mentres non se revisen de oficio os actos e acordos administrativos relativos ao Sector S7 de Someso, que son nulos de pleno dereito, non se poden determinar as responsabilidades contábeis. Refírese concretamente aos acordos das Xuntas de Goberno Local adoptados a 29.10.2004 e 30.09.2005, cando era alcalde da cidade o Sr. Francisco Vázquez.
O acordo da Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005 constitúe a xuízo do instrutor un elemento decisivo para despexar as hipotéticas responsabilidades contábeis
O portavoz nacionalista recolle no escrito parte do documento do instrutor da fase previa (páx. 19) cando afirma que o acordo da Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005 de enaxenación a favor da Xunta de Compensación do aproveitamento correspondente ao Concello (...) non foi impugnado en vía contencioso-administrativa, polo que permaneceu inacatado, despregando todos os seus efectos xurídicos. Este acordo da Xunta de Goberno Local constitúe a xuízo deste instrutor un elemento decisivo para despexar as hipotéticas responsabilidades contábeis. Tamén cita o incluído na páxina 22 da acta de liquidación provisional cando advirte que Máxime cando, como tamén se sinalou no anterior punto un, o acordo da Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005 de enaxenación a favor da Xunta de Compensación do aproveitamento correspondente ao Concello tanto con destino a vivenda VPO como a vivenda libre, en execución do acordo adoptado con data 29 de febreiro de 2004, non foi impugnado en vía contencioso administrativa, polo que permaneceu inacatado, despregando todos os seus efectos xurídicos. E inclúe no escrito parte da páxina 25 da acta, cando o instrutor afirma que "As presuntas irregularidades denunciadas polo actor público relativas á participación municipal no proxecto de Compensación do Sector 7 e enaxenación de aproveitamentos a favor da Xunta de Compensación (apartados Un e Catro anteriores) gozarían, en primeiro lugar, do respaldo do inatacado Acordo de la Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005".
O portavoz do Grupo Municipal do BNG indícalle ao Sr. Negreira no escrito que como ben sabe, paralelamente a nosa denuncia presentada no Tribunal de Cuentas, o Bloque tenlle solicitado a este Goberno Local até en tres ocasións a revisión de oficio por nulidade de pleno dereito destes acordos da Xunta de Goberno Local, e recibindo como resposta nas tres ocasións unha resposta negativa. Lembra que primeiro o fixo mediante unha moción de 11.01.2013, que contou co voto en contra do PP e coa abstención do PSOE; logo, mediante un escrito dirixido ao Sr. alcalde de 12.01.2013 e, posteriormente, a través dunha solicitude formal de petición de acción de nulidade con data de 8.02.2013, do que non se obtivo tampouco resposta.
Así, Carril conclúe que o Goberno Local debería proceder de imediato a revisar de oficio, por nulidade de pleno dereito, os acordos das mencionadas Xuntas de Goberno Local, agora máis que nunca logo de que nesta fase previa de instrución no Tribunal de Contas sexa o instrutor quen sinale que, mentres non se revisen de oficio os actos e acordos administrativos relativos ao Sector S7 de Someso, que son nulos de pleno dereito, non se poden determinar as responsabilidades contábeis.