O BNG entende como prioritario revisar a concesión outorgada á Compañía de Tranvías
A Coruña, 21 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG, a raíz das distintas informacións que aparecen hoxe en distintos medios de comunicación, lembra, tal e como levaba no seu programa, a necesidade de revisar a concesión outorgada á Compañía de Tranvías e do regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña. Esta concesión é froito dun acordo plenario do 1 de decembro de 1986 no cal se decidiu outorgarlle a concesión á Compañía de Tranvías e co que se estipulou o convenio de regulamento e o Regulamento de Réxime Interno. A este respecto, as nacionalistas entenden que a fórmula polinómica coa que se regulan as tarifas do bus con carácter anual debe ser revisada de inmediato xa que no actual sistema para a determinación das tarifas nin se teñen en conta as subvencións millonarias dadas polo Concello nin tampouco a estrutura de gastos de explotación da sociedade.
O Grupo Municipal do BNG considera que a revisión das tarifas debe ter en conta as subvencións millonarias dadas polo Concello e os custos totais de explotación da empresa
As actuais tarifas, lembra o Grupo Municipal, calcúlanse en función do incremento dunha serie de cinco variábeis: custo salarial, custo dos combustibles, amortizacións dos vehículos, IPC, e beneficio industrial. Pero dito cálculo faise en función da súa variación unitaria, sen ter en conta a variación do conxunto dos custos de explotación da empresa. En ningún momento son tidos en conta os beneficios anuais que obtén a Compañía de Tranvías, que se incrementan cada ano, ou mesmo o seu investimento en I+D+i ou outras reversións económicas ao propio Concello.
As nacionalistas requírenlle ao Goberno Municipal que sexa valente e non só se quede en revisar a fórmula senón que revise a concesión
Así, prodúcese un lucro duplo en beneficio dunha compañía privada a conta dos petos das e dos coruñeses: pola concesión dunha subvención que sae dos impostos que pagamos todas e todos e polo pagamento que como persoas usuarias facemos polo uso en si do servizo de transporte. É por iso que o Bloque volve denunciar que mentres non se revisen a concesión e mais a fórmula polinómica, a empresa concesionaria seguirá a frotarse as mans cos suculentos beneficios que recibe por conta de todos e todas nós.
É por isto que o BNG requírelle ao Goberno Municipal que sexa valente e non só se quede en revisar a fórmula, cumprindo así o propio programa da Marea Atlántica, senón que vai máis aló, e ínstano á máis que necesaria revisión da concesión de 1986, tal e como permite o artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña.