O BNG recoméndalle ao portavoz do PSOE que vexa a intervención da deputada Carme Adán
A Coruña, 17 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG amósase abraiado logo de ver e escoitar as declaracións do portavoz municipal do PSOE José Manuel Dapena. Unha persoa que segue a utilizar nas súas intervención termos como violencia doméstica ou cuestión sensíbel evidencia que, canto menos o portavoz do PSOE, non ten consciencia da gravidade da situación en torno ao feminicidio na Galiza e á violencia machista.
O BNG considera moi clarificador que o portavoz socialista se refira á violencia machista como violencia doméstica mentres enarbora a bandeira das políticas da igualdade
É por todo isto que Grupo Municipal do BNG recoméndalle ao portavoz do PSOE que lle bote unha ollada á intervención realizada onte pola deputada do BNG no Parlamento de Galiza Carme Adán (enlace da intervención: https://www.youtube.com/watch?v=TyxcN5Qrhrc) e onde precisamente incidía en erradicar termos como violencia doméstica e a abrir o debate en todos os frontes políticos, sociais e xurídicos sobre o feminicidio.
O Grupo Municipal do BNG recoméndalle ao portavoz socialista que vexa a intervención de onte no Parlamento de Galiza da deputada do BNG Carme Adán para que saiba o que significa violencia doméstica
En relación ao acontecido o pasado luns, as nacionalistas insisten en cualificar como esperpéntica e ridícula a postura do PSOE de votar en contra dun modificativo de crédito de máis de 4 millóns de euros por recuperar unha partida de 30.000 en igualdade, malia que nel se recollían todas as súas propostas. Deste xeito, o Grupo Socialista amosou a súa falta de cintura, pois a única novidade acontecida na sesión, e pola que eles mesmos recoñeceron que mudara o sentido do seu voto, foi a aprobación por parte do Pleno incluído o propio PSOE do voto particular das nacionalistas.
Mentres se minoran cartos en políticas de igualdade colgarse laciños ou poñerse camisetas rosas ou moradas si que é un uso partidista desas cuestións sensíbeis, como as cualifica Dapena
O BNG, lembran, foi o único grupo político que presentou por escrito propostas detalladas ao modificativo. E que foi, tamén, a única forza política que as fixo públicas. Do contido ou para que áreas ían destinadas as propostas do PSOE nunca se soubo nada. Para as nacionalistas, o PSOE no pode falar de ter pechado un acordo sobre o modificativo como se o Pleno e as súas e os seus concelleiros non tivesen a facultade de tomar acordos.