O BNG entende que é preciso facer xa a reforma do ROPC para articular unha verdadeira participación

O BNG entende que é preciso facer xa a reforma do ROPC para articular unha verdadeira participación

A Coruña, 5 de maio de 2016.- O Grupo Municipal do BNG segue sen entender o por que o Goberno municipal non aborda a reforma do ROPC para que se articule unha verdadeira participación da veciñanza da cidade, cuestión fundamental para poder dar conta de xeito recíproco tanto das achegas que se aportan como para facer seguimento e control da execución da actividade do Goberno municipal.

O BNG non “ve nada de malo en que o alcalde e o Goberno municipal vaian aos barrios” mais o que si critica é que coa escusa de só promocionar a participación pasiva individual se pretenda “desordenar” o movemento veciñal da cidade

E é que as nacionalistas seguen a denunciar que non se está a facer unha verdadeira política de participación se o obxectivo das actividades A Porta Aberta e do Dillo Ti son de fomento e promoción da participación pasiva individual en parello co intento de desordenar o espazo de representación veciñal.

Avia Veira: “No Dillo Ti a xente expón os seus problemas mais non está articulado ningún mecanismo de retorno tampouco serve para consultar a veciñanza sobre as actuacións nos barrios en cuestión senón para anunciar actuacións; a Marea Atlántica prometera outra cousa”

Iago Martínez durante a súa intervención no acto de Barcelona En Comú

“Non hai nada de malo en que o Goberno municipal e o alcalde percorran os barrios da cidade. Agora ben se non existe ningún mecanismo de retorno do se lles está trasladando, e tampouco serve para consultar a veciñanza sobre as actuacións nos barrios en cuestión senón para anunciar actuacións, cando a Marea Atlántica prometera outra cousa, o que se está incorrendo e nunha fraude cando se fala de participación entón o que se está facendo é propaganda. Por iso esiximos se convoque canto antes a comisión especial de reforma do ROM e ROPC para articular eses mecanismos de seguimento e control”, sinala Avia Veira.

Deste xeito, o Bloque urxe ao alcalde a que se acometa canto antes a reforma do ROPC, xa que logo, se articularían órganos de representación veciñal, como o Consello Social, os consellos sectoriais ou consellos de representación veciñal, e se estaría dando un verdadeiro impulso ao movemento asociativo, apoiando e afortalando ás organizacións sociais e isto suporía aumentar a representatividade, como vía para avanzar nunha acción de goberno realmente transformadora das condicións de vida da veciñanza.

O BNG entende que é preciso acometer xa a reforma do ROPC para que se articule unha verdadeira participación veciñal recíproca e que as achegas das persoas se tomen en conta, para que a xente poida participar das tomas de decisión e dos asuntos públicos reforzando o papel e a importancia do movemento asociativo da cidade

“A creación dos instrumentos e dos órganos de participación máis acaídos, tanto a nivel territorial como sectorial, asignándoselles competencias claras e co compromiso de ter en consideración as recomendacións e as suxestións acordadas no seu seo, e participando na elaboración dos orzamentos municipais, na definición de planos de axuda, no deseño dos pregos de cláusulas de contratación, e con control e seguimento da xestión do Goberno municipal etc, si que correspondería a unha verdadeira política de participación”, conclúe Avia Veira.

 

Artigos relacionados:

 

O BNG entende que é preciso facer xa a reforma do ROPC para articular unha verdadeira participación