O BNG empraza o Goberno municipal a garantir unha correcta asistencia sanitaria

O BNG empraza o Goberno municipal a garantir unha correcta asistencia sanitaria

A Coruña, 15 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a adoptar as medidas oportunas para garantir unha correcta atención sanitaria no CHUAC, logo de que na pasada ponte as urxencias volveran sufrir un novo colapso. O BNG faise, así, eco das denuncias de CIG-Saúde, quen advirte de que aínda hai á espera de cama 47 persoas e de que numerosos anciáns levan esperando en padiolas ou butacas desde o xoves e o venres.

O Grupo Municipal do BNG denuncia que este caos vivido en urxencias ao longo da ponte responde aos recortes de Feijóo en materia de sanidade, co feche de camas independentemente do número de pacientes que precisen ser atendidos. Os nacionalistas esixen que se dote de máis persoal ás infraestruturas necesarias para que as urxencias do CHUAC deixen de ser un almacén de enfermos, que é no que as está a converter a Consellaría de Sanidade.

As urxencias do CHUAC volvéronse colapsar.

O Grupo Municipal do BNG, que insta o Sr. Negreira a velar pola correcta atención sanitaria dos coruñeses e coruñesas, sinala que non é a vez primeira que as emerxencias están desbordadas dados os recortes e lamenta a deshumanización da asistencia dados os retallamentos de Feijóo na Xunta de Galiza. Os profesionais do CHUAC transmitíronlle ao BNG que semella que traballan nunha cadea industrial, con máis listas de espera, con máis atrasos en diagnósticos e tratamentos e con camas fechadas pola falta de persoal.

 

 

O BNG empraza o Goberno municipal a garantir unha correcta asistencia sanitaria