Bouza: "Non é de recibo que ante un accidente marítimo se pregunte se o barco está asegurado"
A Coruña, 15 de outubro de 2012.- O BNG da Coruña, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Carril, e da candidata número tres e deputada no Parlamento galego, Ana Luísa Bouza, amosou esta mañá o seu pesar polo accidente marítimo que aconteceu na tarde de onte na Coruña e transmitiulles aos familias e vítimas da persoa falecida os máis sinceros sentimentos de condolencia.
En declaracións aos medios, Bouza sinalou que o BNG se opón ao cobro polo servizo de salvamento, imposto por Feijóo desde a Xunta de Galiza. Non é de recibo que fronte a un accidente marítimo se pregunte, en primeiro lugar, se a embarcación estaba asegurada, expuxo a nacionalista. Nesta liña, acusou o PP de facer negocio co salvamento de vidas humanas no mar sobre un litoral que pacede a taxa máis alta de sinistralidade mortal de todo o Estado español.
A decisión de Feijóo de privatizar o salvamento provocará poñer en risco a vida das persoas ante un posíbel rescate por mor do pagamento de 10.500 euros, sinalou. O afán recadador do PP deixa nunha grande indefensión as persoas, nomeadamente, as traballadoras do mar, concluíu.